A Xunta colabora na formación para avanzar na transformación dixital e industrial no sector da construción | Gaiástech

A Xunta colabora na formación para avanzar na transformación dixital e industrial no sector da construción

modelaxe3d

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura dos cursos para a cualificación e recualificación de poboación activa no sector da construción co foco posto na súa transformación dixital, no marco da colaboración que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén coa Fundación Laboral da Construción. Lado puxo en valor a colaboración con axentes sociais e económicos de sectores estratéxicos en Galicia como “camiño que debe conducirnos a unha maior coherencia, sincronía e axuste da oferta formativa ás necesidades do tecido produtivo de Galicia”.

A representante da Xunta reivindicou a formación encamiñada cara un modelo industrializado, seguro, capacitado, innovador e sostible neste sector. “Ese novo modelo pasa pola transformación dixital e por fomentar a formación en novas técnicas construtivas”, aseverou.

O Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación para o emprego, elaborado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, identificou para a construción, postos en proceso de transformación en áreas como a bioconstrución ou o uso da tecnoloxía BIM (Building Information Modeling) na edificación, un sistema de xestión das obras que usa modelos tridimensionais virtuais relacionados con bases de datos. As ferramentas dixitais e de innovación tecnolóxica da arquitectura 4.0, expuxo Lado, xurde como “oportunidade” para a maior competitividade do sector.

Os cursos clausurados versaron sobre Modelado 3D de edificios utilizando tecnoloxías inmersivas e de realidade aumentada para a construción (con 15 participantes) e Operacións de minicargadora-miniexcavadora (11 persoas), parte da formación que “vai posicionar o sector na vangarda das novas tecnoloxías”, remarcou Lado. A formación impartida foi financiada cos fondos Next Generation correspondentes a Galicia, que deseñou un programa para “aproveitar todo o potencial para dotar á poboación activa de capacidades profesionais axeitadas para que cada persoa, no seu ámbito de actividade, responda con éxito aos cambios no mercado laboral”, incidiu a directora xeral.

Fuente: CodigoCero