Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta completa a oferta formativa de autoaprendizaxe ilimitada e en liña coa posta en marcha do curso preparatorio do Celga 3 | Gaiástech

A Xunta completa a oferta formativa de autoaprendizaxe ilimitada e en liña coa posta en marcha do curso preparatorio do Celga 3

celga
  • Desde a súa implantación no 2021, máis de 7000 persoas optaron por este formato de cursos para aprender a lingua galega e preparar de xeito autónomo as probas para a obtención dos Celga 1, 2 e 4
  • A diferenza dos cursos titorizados, esta modalidade non ten límite de prazas nin está suxeita a datas ou horarios de impartición
  • A inscrición poderá realizarse a partir da segunda quincena de febreiro na plataforma de teleformación de Política Lingüística

A Xunta de Galicia pon en marcha o novo curso de autoaprendizaxe en liña preparatorio do nivel Celga 3 de lingua galega. Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño.

“Trátase dun curso de galego que axuda a mellorar o coñecemento desta lingua e a preparar as probas para obter o Celga 3, ofertado na modalidade de autoaprendizaxe en liña a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Con el buscamos responder á crecente demanda de estudo do galego cunha maior flexibilidade e sen límites”, indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. “Ademais, con este último curso xa temos completa a oferta de autoformación en todos os niveis Celga”, engadiu Valentín García.

Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, enmarcou esta actuación nas iniciativas que se levan a cabo dende a Xunta de Galicia para consolidar a lingua e a cultura de Galicia nos ámbitos dixitais. Citou, entre outros, o Proxecto Nós para colocar ao galego na vangarda das tecnoloxías intelixentes, ou a memoria dixital de Galicia.  Neste sentido, manifestou que as actuación que se levan a cabo dende a Axencia “non soamente permitirán aprender e certificar o uso do galego ou falar no noso idioma cos asistentes virtuais, senón tamén acceder a todos os recursos culturais e históricos nesta lingua”.Na presentación, que tivo lugar na sede de Amtega, na Cidade da Cultura, tamén participaron a subdirectora xeral de Política Lingüística, María Lourdes Batán, e o representante de Imaxin/software, Diego Vázquez, empresa que colabora no desenvolvemento dos cursos.

 
Autoformación en todos os niveis Celga

O curso constitúe unha adaptación (en liña e de autoaprendizaxe) a partir do curso de Celga 3 titorizado e contén exercicios de léxico, gramática e comprensión e expresión oral e escrita. Componse de oito unidades cunha media de 30 actividades cada unha nas que o o alumnado poderá comprobar os seus progresos e consultar as respostas. Ademais dos modelos resoltos de exames oficiais Celga, hai dispoñible un vídeo interactivo final de repaso para comprobar o aprendido en cada unidade.

A inscrición  neste novo curso poderá realizarse a partir da segunda quincena de febreiro na plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, a diferenza dos cursos tirorizados, non hai límite de prazas nin suxeición a datas ou horarios de impartición.

Con este curso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística completa a oferta formativa de autoaprendizaxe en liña de todos os niveis Celga, que comezou en 2021 co Celga 1 e que continuou en 2022 co Celga 2 e 4 e cos que se formaron, ata o de agora, máis de 7000 persoas.

Fuente: Amtega