A Xunta completará este mes a dotación de equipamento tecnolóxico innovador en máis de 80 aulas adheridas ao Plan de reforma da rede CeMIT

- En total distribuiranse máis de 1.300 dispositivos entre impresoras 3D, kits de robótica, drons, gafas de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación
- O próximo fito do Plan será a substitución dos equipos de sobremesa actuais por novos equipos All-In-One, a entrega de elementos adaptados a persoas con capacidades diversas, así como tabletas, libros electrónicos e dispositivos audiovisuais
- A dotación de equipamento vai acompañada dun plan de formación de máis de 100 horas destinado ao persoal dinamizador das aulas
- Ademais, lanzarase unha convocatoria de premios para incentivar o uso deste equipamento e recoñecer a labor dos axentes TIC dos centros CeMIT
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia completará o vindeiro 14 de abril a entrega do novo material disruptivo que está a ser distribuído nas 83 aulas e 82 entidades locais adheridas actualmente ao Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas CeMIT (2022-2025). O obxectivo deste Plan é mellorar os servizos de capacitación e formación dixital dos centros CeMIT para adaptarse ás novas demandas da cidadanía.
A entrega deste equipamento innovador iniciouse o pasado 17 de febreiro achegando ás aulas CeMIT e tamén ao Centro GaiásTech un total de 130 impresoras 3D, 130 kits de robótica, 665 drons, 260 gafas de realidade virtual e 130 kits de placas de comunicación e programación. Así o explicou esta mañá o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, na presentación destes dispositivos, durante a que destacou que esta dotación está acompañada dun plan formativo de máis de 100 horas para os axentes TIC sobre as aplicacións e posibles usos destes dispositivos.
Este material permitirá ao persoal formador ofrecer experimentación cos kits de robótica ou placas de programación fomentando a aprendizaxe STEAM e abrindo portas ás profesións do futuro. Ademais, eses novos dispositivos posibilitarán o desenvolvemento de novas actividades interactivas a través das lentes de realidade virtual, aprender a pilotaxe de drons e a fabricación de aparellos con impresoras 3D.
Novos fitos do Plan
O responsable autonómico tamén avanzou os seguintes fitos do Plan como a substitución dos equipos actuais de sobremesa por máis de 1.300 equipos All-in-One, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tablets, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.
A distribución deste novo material completarase entre o último trimestre deste ano e o primeiro de 2024, grazas a un marco de Subministración de Equipamento Tecnolóxico para a Inclusión e Capacitación Dixital por un importe de más de 3,6 millóns de euros.
Con esta liña de traballo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia busca ampliar e mellorar a oferta formativa da Rede CeMIT, que conta con preto de 110.000 usuarios e supera xa as 511.200 horas de formación planificadas desde o seus inicios, e a mellora da adquisición de competencias dixitais por parte da cidadanía.
Por outra banda, o director da Axencia autonómica avanzou a convocatoria, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) da primeira edición do “Premio Axentes TIC da Rede CeMIT” co obxectivo de incentivar o uso do equipamento innovador e disruptivo, así como, recoñecer e potenciar a labor das persoas dinamizadoras dos centros que poñan en marcha proxectos con carácter creativo, orixinal, interxeneracional e inclusivo.
Estratexia Dixital de Galicia
Esta iniciativa enmárcase na Estratexia Galicia Dixital 2030, elaborada pola Axencia autonómica, concretamente no segundo eixo, Sociedade Dixital e inclusiva, que busca dotar ao conxunto da cidadanía da capacitación dixital necesaria para desenvolverse plenamente con confianza e seguridade no contexto dixital e non deixar a ninguén atrás.
A dotación deste equipamento nas aulas CeMIT terá unha especial repercusión nas entidades locais, especialmente do rural grazas á xestión, captación e aproveitamento do Fondos Europeos, concretamente fondos FEDER 21-27 e fondos REACT-EU.