A Xunta consulta ás universidades para deseñar o novo marco ético e normativo na adopción da Intelixencia Artificial | Gaiástech

A Xunta consulta ás universidades para deseñar o novo marco ético e normativo na adopción da Intelixencia Artificial

AI
  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participa na sesión sobre “Unha estratexia en IA para a empresa Galega” do Foro Económico de Galicia
  • Destacou a necesidade dunha reflexión sobre os límites e as regras do xogo na adopción desta tecnoloxía nos ámbitos públicos e privados
  • Mar Pereira pon de manifesto que Galicia trasladou ao Estado a necesidade de que que o galego estea incluído no PERTE na nova economía da lingua a través do proxecto Nós
  • Galicia está entre as comunidades con maior porcentaxe de empresas que contratan especialistas en Intelixencia Artificial

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, anunciou hoxe que a Xunta porá en marcha un estudio en colaboración con grupos de traballo das tres universidades de Galicia para avaliar o novo marco ético e normativo que require a adopción da Intelixencia Artificial (IA).

Mar Pereira fixo este anuncio na sesión sobre “Unha estratexia en IA para a empresa galega” do Foro Tecnolóxico integrado no Foro Económico de Galicia, que se desenvolveu hoxe no Centro de Estudos Avanzados, en Santiago de Compostela.

A directora da Axencia informou de que o estudo sobre o marco ético e normativo é unha das medidas que forman parte da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA) aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de xuño. A EGIA mobilizará máis de 330 millóns de euros nesta década e xerará un impacto na creación de riqueza duns 472 millóns de euros.

Mar Pereira lembrou que a UE vai a dedicar máis de 1.000 millóns de euros ao ano á Intelixencia Artificial, e que estes investimentos vanse a acelerar coa aplicación do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Neste sentido, manifestou que estas previsións de investimentos “obrigan a facer unha reflexión sobre como adaptar o noso marco normativo, dentro do marco competencial, que nos corresponde como rexión europea”. Invitou, así mesmo, a afrontar “unha reflexión sobre os límites e as regras do xogo á hora de afrontar esta tecnoloxía nos diferentes ámbitos públicos e privados”.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia lembrou que tamén se está a traballar no modelo de integración de Galicia no Espacio Europeo de Datos. Tamén como parte da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, Mar Pereira referiuse ao Acordo Marco que permitirá poñer en marcha actuacións por importe de 30 millóns de euros para a adopción da IA no ámbito público a través da iniciativa GobTech.

Mar Pereira reiterou a importancia de avanzar no modelo de colaboración entre as Administracións Públicas, o sector privado e o coñecemento, así como na adaptación da formación aos novos perfís profesionais. Lembrou que Galicia está entre as comunidades nas que unha maior porcentaxe de empresas contratan especialistas en Intelixencia Artificial. Máis dun 7 por cento das empresas de Galicia aplica solucións de Intelixencia Artificial.

Por último, a directora da Axencia destacou a importancia de que Galicia participe nos proxectos estratéxicos do Estados nos que a Intelixencia Artificial xogue un papel destacado. Puxo como exemplo o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da Nova Economía da Lingua, que inclúe tanto ao español como ao resto das linguas oficiais. Mar Pereira lembrou que Galicia solicitou formalmente ao Estado desenvolver un papel activo a través do proxecto Nós, que busca facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas na IA e tecnoloxías da linguaxe.

Fuente: AMTEGA