Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta crea un nodo de colaboración público privada para adaptar as tecnoloxías de telecomunicación ás necesidades do territorio | Gaiástech

A Xunta crea un nodo de colaboración público privada para adaptar as tecnoloxías de telecomunicación ás necesidades do territorio

conectividade
  • O nodo Conectivi.gal supón unha evolución do nodo 5G e buscará adaptar todo tipo de tecnoloxías sen fíos ás necesidades específicas de Galicia e aos desafíos como a extensión do internet das cousas e o territorio intelixente
  • Desta estrutura de colaboración formarán parte a Xunta, as tres universidades públicas, os centros tecnolóxicos e as operadoras Telefónica, Vodafone e Orange
  • Entre os obxectivos do nodo está o de consolidar en Galicia un ecosistema de entidades especializadas no eido da conectividade

O Consello da Xunta recibiu hoxe o informe sobre “A evolución ao nodo Conectivi.gal”, unha estrutura de colaboración público – privada que dedicará os seus esforzos a adaptar as novas tecnoloxías de telecomunicacións sen fíos ás necesidades específicas de Galicia.

O despregamento de redes de telecomunicacións sen fíos adquire unha importancia singular en Galicia polas dificultades que existen para facer chegar as infraestruturas terrestres a todo territorio e a unha poboación moi dispersa.

Esta nova estrutura de colaboración é unha evolución do nodo 5G, constituído no ano 2018, que permitiu situar á nosa Comunidade na vangarda do desenvolvemento desta tecnoloxía. Puxéronse en marcha 30 casos de usos adaptados ao territorio en aspectos como a sanidade, loxística, emerxencias, realidade aumentada ou agricultura, entre outros, e producíronse fitos como a primeira experiencia mundial de roaming en 5G entre Galicia e Portugal.

As necesidades de despregamento de telecomunicacións amplíanse hoxe a todo tipo de dispositivos que deben estar conectados para facilitar información sobre o territorio ou para a xestión de datos, con tecnoloxías como o internet das cousas, e utilidades como o territorio intelixente, a mobilidade ou o desenvolvemento dos sectores primarios e infraestruturas rurais. Para cubrir estas necesidades, existen alternativas ao 5G que se axustan a estes novos desafíos (como NB-IoT, LoraWan ou WiFi Halow). Adaptar estas tecnoloxías ás necesidades específicas de Galicia é o obxectivo do nodo Conectivi.gal.

Entre os seus obxectivos están tamén o de consolidar en Galicia un ecosistema de entidades especializadas no eido da conectividade; desenvolver actividades formativas e demostrativas  orientadas aos perfís tecnolóxicos en telecomunicacións; a dinamización da implantación de solucións de conectividade; e a promoción da dixitalización e innovación das administracións públicas galegas a través da conectividade.

O nodo Conectivi.gal está promovido pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Universidades e Formación Profesional; do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Entre os membros fundadores estarán tamén as tres universidades públicas de Galicia (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo); así como Telefónica, Vodafone e Orange. Tamén formará parte do nodo a Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (ATIGA – Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia). 
 

Fuente: Amtega