A Xunta destaca a implicación de toda Galicia e o traballo coordinado do nodo como claves para a designación da Coruña para acoller a AESIA | Gaiástech

A Xunta destaca a implicación de toda Galicia e o traballo coordinado do nodo como claves para a designación da Coruña para acoller a AESIA

AESIA

A presenza da sede en Galicia reforzará os obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 de atraer infraestruturas e entidades de referencia, así como de reter e atraer talento dixital

A Xunta destaca a profesionalidade e xenerosidade dos integrantes do Nodo GalicIA para sinalar con obxectividade a proposta con máis posibilidades para Galicia

A AESIA contribuirá a consolidar a Galicia como referencia na estratexia europea de lograr o liderado na Intelixencia Artificial fiable, con criterios humanistas e en defensa dos dereitos fundamentais das persoas

A Xunta de Galicia destaca a implicación de toda a sociedade, as universidades, as administracións e os sectores de actividade, así como o traballo coordinado do nodo GalicIA, como claves para que A Coruña fose designada hoxe polo Consello de Ministros do Estado como sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial.

A designación de Galicia como sede da AESIA é un recoñecemento aos esforzos da nosa Comunidade por situarse na vangarda da transformación dixital pese as limitacións de partida relacionadas coas súas características poboacionais e xeográficas. A actual posición de Galicia é o resultado da aplicación de dúas axendas dixitais e, neste momento, da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030).

Precisamente, o eixo transversal da EGD2030 refírese á especialización da nosa Comunidade no coñecemento e na aplicación das tecnoloxías. A instalación da AESIA na nosa Comunidade cumpre e reforza os obxectivos de atraer infraestruturas e entidades de referencia, así como de reter e atraer talento dixital.

A designación da sede en Galicia supón o cumprimento por parte da Xunta de Galicia do mandato recibido en maio do Parlamento para a promoción dunha candidatura galega. Esta tarefa foi encomendada ao nodo GalicIA, formado pola Xunta, as tres universidades públicas e a Eurorrexión.

A Xunta destaca que o nodo GalicIA foi quen de traballar con obxectividade para a selección da mellor candidatura galega e os seus integrantes amosaron criterio e xenerosidade para aceptar unha decisión de carácter técnico e obxectivo que agora se comproba que era a acertada.

Coa sede da Axencia, Galicia introdúcese de cheo na estratexia europea cara ao liderado mundial nunha Intelixencia Artificial fiable e de valores humanistas. A AESIA será a primeira das axencias que se creen en Europa e deberá marcar o camiño a seguir por todas as demais.

Estes obxectivos europeos coinciden cos establecidos por Galicia na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e reforzados por iniciativas como o estudio das tres universidades promovido pola Xunta para analizar o marco ético e normativo axeitado para ese “enfoque europeo” da IA.

 

Fuente: Xunta