A Xunta destaca o papel da ciberseguridade no desenvolvemento e uso das tecnoloxías intelixentes

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, clausurou este mediodía o II Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal
- Destacou que o modelo de colaboración público-privada polo que aposta a Xunta permitiu dar unha resposta áxil e eficaz ás situacións provocadas polo maior uso das tecnoloxías durante a pandemia e ás ameazas das novas guerras híbridas
- Puxo en valor a Estratexia Galicia Dixital 2030 de Galicia, que avoga por unha transformación dixital ao servizo das persoas, con criterios éticos e humanistas, e nun entorno de seguridade e confianza
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o papel da ciberseguridade no desenvolvemento e uso das tecnoloxías intelixentes e na especialización tecnolóxica.
Miguel Corgos clausurou este mediodía o II Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal onde destacou que neste ámbito as actuacións da Xunta englóbanse en tres liñas principais. En primeiro lugar, a aposta pola colaboración público-privada, que se plasmará proximamente na Estratexia Galega de Ciberseguridade e que se reflicte xa no Nodo Galego de Ciberseguridade (CIBER.gal).
Como segunda liña subliñou o compromiso do Goberno galego coas infraestruturas e destacou a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que estará en Ourense ou o acordo marco vixente que permite ás administracións e entidades públicas unha contratación centralizada de servizos de ciberseguridade. En terceiro lugar, destacou a importancia da formación e a concienciación pois os ataques son cada vez mais profesionais e sofisticados con novas formas de infracción.
O conselleiro tamén incidiu en que o modelo de colaboración polo que aposta a Xunta permitiu dar unha resposta áxil e eficaz ás situacións provocadas polo maior uso das tecnoloxías durante a pandemia e ás ameazas das novas guerras híbridas. Subliñou ademais, a importancia de que a cidadanía adopte as precaucións necesarias e atenda ás recomendacións dos especialistas.
Finalmente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou que Galicia conta coa Estratexia Galicia Dixital 2030, que avoga por unha transformación dixital ao servizo das persoas, con criterios éticos e humanistas, e nun entorno de seguridade e confianza.