A Xunta destina 12,5 millóns de euros á dotación de material informático para mellorar e actualizar a educación dixital
- Un acordo marco permitirá dotar aos centros de impresoras, armarios de carga de portátiles, servidores, ordenadores de sobremesa e dispositivos de carga
- Os novos equipamentos consolidan e manteñen actualizado o modelo no que o 100% do sistema educativo estea dixitalizado
- A dotación de equipos para centros complementa ás aulas dixitais en todo o sistema educativo, o proxecto Edixgal de contidos dixitais e o modelo de xestión académica dixital
A Xunta de Galicia destinará 12,57 millóns de euros a equipamentos informáticos para centros educativos no marco do proxecto Abalar-Edixgal. A través da fórmula de acordo marco, esta actuación permitirá mellorar e actualizar e educación dixital con novas impresoras láser, armarios de carga de equipos portátiles, servidores do sistema Abalar, ordenadores de sobremesa avanzados e dispositivos de carga.
Cada un deste lotes contará cun provedor, ao que se poderá recorrer a través de contratos derivados durante os vindeiros tres anos, en función das necesidades.
En concreto, o acordo marco permitirá a adquisición de 500 impresoras multifunción láser; 500 armarios para almacenar e cargar un mínimo de 30 ordenadores portátiles; 500 servidores para os sistemas de Abalar; 2.000 ordenadores de sobremesa avanzados e 20.000 dispositivos de carga USB.
Estes equipamentos forman parte do modelo de educación dixital de Galicia, que avanza cara á dixitalización de todas as aulas, dende Educación Infantil ata 2º de Bacharelato, Formación e as ensinanzas de réxime especial. Estas aulas contan con paneis dixitais interactivos e un ordenador.
O proxecto Abalar, que se iniciou en 2010, actúa en catro eixos: as infraestruturas e equipamentos nos centros (no que se integra este acordo marco); a formación e fomento da cultura dixital; os contidos educativos dixitais e a participación e colaboración.
O acordo tamén complementará e apoiará o proxecto de educación dixital E-Dixgal. Este proxecto foi adoptado xa por 630 centros que o solicitaron mediante acordo do Consello Escolar. Está a ser usado por máis de 64.000 escolares e 10.500 docentes. Na actualidade está en marcha unha nova licitación de tres lotes de contidos educativos dixitais para o proxecto E-Dixgal, cun investimento anual de máis de dous millóns de euros.
O modelo de educación dixital de Galicia inclúe a dotación dos centros con internet de alta velocidade e con redes wifi en todas as instalacións docentes. Na actualidade hai cerca de 1.300 centros con conexión de 1Gbps. Os centros contan con máis de 5.500 puntos de acceso wifi.
Por outra banda, a aplicación abalarMóbil tivo en 2023 en torno a 38 millóns de acceso, tres millóns máis que en 2022. A aplicación acumula unhas 440.000 persoas usuarias.
O modelo de educación dixital de Galicia completase con sistemas de información relacionados coa xestión académica e educativa dos centros, alumnado e profesorado, e outras actuacións como diversas plataformas e aplicacións ou o plan de mellora das bibliotecas escolares.