Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta destina cerca de 6 M€ á compra de máis de 8.000 ordenadores portátiles para o alumnado | Gaiástech

A Xunta destina cerca de 6 M€ á compra de máis de 8.000 ordenadores portátiles para o alumnado

NIÑOS JUGANDO
  • O Consello de Goberno aproba a tramitación dun novo contrato para completar a dotación do alumnado no marco do proxecto Abalar EDixgal
  • Os novos ordenadores, cun prezo unitario de licitación de 590 euros, estarán dispoñibles nun prazo de catro meses a partir da formalización do contrato

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe a tramitación do contrato que permitirá comprar máis de 8.000 ordenadores ultraportátiles para o alumnado dos centros educativos de Galicia no marco do proxecto Abalar EDixgal. O orzamento da licitación é de 5,8 millóns de euros (IVE incluído) e o prazo de execución é de catro meses a partir de adxudicación, sen posibilidade de prórroga. 

O novo contrato permitirá dar continuidade aos obxectivos do primeiro eixe do proxecto Abalar para a dotación de infraestruturas e equipamentos na totalidade dos centros educativos públicos de Galicia. En concreto, actualiza o prezo unitario de licitación dos ordenadores a 590 euros, xa que no anterior contrato de 2021, coa fórmula de acordo marco, era de 365 euros. Este aumento é consecuencia do encarecemento dos compoñentes e a mellora das especificacións técnicas exixidas. 

Os equipos, que serán usados polo alumnado de EDixgal, son ordenadores ultraportátiles de tipo convertible con teclado integrado, e inclúen adaptadores de carga para os armarios de Abalar que hai nos centros educativos, e unha bolsa de transporte. 

A Xunta puxo en marcha en 2010 o proxecto Abalar para a integración das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na educación. Ademais das infraestruturas e equipamentos nos centros, os outros eixes do proxecto son a formación e o fomento da cultura dixital, os contidos educativos dixitais e a participación e colaboración. 

Na actualidade, todas as aulas do sistema educativo público e concertado de Galicia contan con dotación de paneis dixitais e equipamento informático nas aulas e dispoñen de contidos dixitais adaptados. Cerca de 600 centros, con máis de 60.000 alumnos, participan, ademais, no programa híbrido de EDixgal, que combina contidos analóxicos e dixitais.

Fuente: aMTEGA