A Xunta entra nun consorcio para fortalecer o mercado único europeo a través de novos modelos de innovación ao servizo dos gobernos intelixentes | Gaiástech

A Xunta entra nun consorcio para fortalecer o mercado único europeo a través de novos modelos de innovación ao servizo dos gobernos intelixentes

xunta consorcio
  • Govtech4all reúne a 22 axencias gobernamentais e empresas de 15 países, entre as que se atopan o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o concello de Madrid e a Deputación Foral de Biscaia
  • O obxectivo do Acordo de Asociación é o de elevar o perfil dos gobernos dixitais en cada administración e avanzar cara a un estándar europeo a través da promoción de novos modelos de innovación
  • Os asinantes elaborarán proxectos piloto conxuntos nos que aplicarán metodoloxías de ‘govtech’ dende incubadoras, laboratorios de innovación e equipos dixitais
  • Galicia dispón dun programa de desenvolvemento da Administración Dixital ‘GobTech’ do que forma parte un acordo marco de 30 millóns de euros para o impulso de tecnoloxías avanzadas no sector público
  • A Xunta e a Universidade de Santiago están a desenvolver un convenio para mellorar a eficacia da administración pública con tecnoloxías intelixentes
  • O Goberno autonómico agarda que Galicia poida acoller a Axencia Española para Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) no contexto desta aposta polo desenvolvemento das tecnoloxías intelixentes

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ven de adherirse a un Acordo de Colaboración con outras 21 axencias gobernamentais e empresas europeas co obxectivo de crear un mercado único de novos modelos de innovación tecnolóxica aplicadas á administración.

Este consorcio, denominado Govtech4all, pretende abrir o mercado de tecnoloxía do sector público para garantir que os gobernos utilicen as mellores solucións, sen estar condicionados pola necesidade de axustarse mellor aos procesos de adquisición ou pola tendencia a adquirir tecnoloxía “autóctona”.

Segundo explican os promotores da iniciativa, “Govtech4all promoverá novos modelos de innovación do sector público” e permitirá que “os sectores público e privado, os organismos de investigación e as ONG traballen xuntos para aprender uns dos outros, ofrecer proxectos pilotos comúns e elevar o perfil de ‘govtech’ en cada país a un nivel que se poida considerar o da UE”.

O enfoque central do proxecto é a elaboración de entre catro e seis proxectos piloto conxunto nos que se aplique un amplo conxunto de metodoloxías de goberno intelixente. Neste contexto, “as incubadoras, os laboratorios de innovación e os equipos dixitais de ‘Govtech’ deseñarán os desafíos a través dun enfoque de creación conxunta”. Ademais, o consorcio terá tamén como obxectivo o de crear conciencia sobre os gobernos intelixentes, dispoñer dun mapa de situación sobre o desenvolvemento das administracións dixitais e compartir as leccións aprendidas entre os socios e outros actores da UE”.

No Acordo Marco de Asociación participan axencia e empresas de 15 países europeos: España, Bélxica, Portugal, Polonia, Países Baixos, Suecia, Grecia, Letonia, Luxemburgo, Alemaña, Estonia, Dinamarca, Lituania, Francia e Italia. Por parte de España, os asinantes ata este momento son o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o concello de Madrid, a Lantik (sociedade participa en exclusiva pola Deputación Foral de Biscaia para a transformación dixital) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

 

O goberno intelixente en Galicia

Galicia conta xa cun proxecto propio de Goberno intelixente (GobTech), do que forma parte un acordo marco por importe de 30 millóns de euros para a contratación por parte da Administración autonómica e entidades públicas de servizos para o impulso de tecnoloxías avanzadas.

A Estratexia Galicia 2030 e a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial establecen a folla de ruta para o desenvolvemento dunha administración dixital avanzada e que utilice todos os recursos dispoñibles das tecnoloxías intelixentes.

A Estratexia promovida pola Xunta para toda a transformación dixital baséase en esquemas de colaboración entre administracións públicas e cos sectores privados reflectida nos nodos. Neste sentido, está en proceso de constitución o Nodo GalicIA, que acollerá a todos os axentes relacionados co desenvolvemento da Intelixencia Artificial baixo criterios éticos.

Este modelo de colaboración funciona xa en convenios como o que a Xunta asinou coas tres universidades do Sistema Universitario Galego para e elaboración de un estudo para a configuración dun marco ético e normativo para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial.

Están tamén avanzados os traballos para avaliar e mellorar a eficiencia dos procedementos administrativos con tecnoloxías intelixentes, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. No marco deste convenio estase a desenvolver unha metodoloxía para a análise con técnicas de minería de procesos e a posta en marcha dun asistente virtual avanzado ao servizo da cidadanía.

 

Candidatura galega para a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial

Un dos resultados deste modelo de colaboración promovido pola Xunta en torno ás tecnoloxías intelixentes é o proceso en marcha para a presentación dunha candidatura galega para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. Neste sentido, este fin de semana poñerase en marcha un espazo na web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no que se reflectirá o proceso de configuración desta candidatura, así como as diferentes adhesión que se están a recibir dende ámbitos como as universidades, os colexios profesionais, os clústeres e asociacións sectoriais, os centros tecnolóxicos e de investigación. Esta información pode ser consultada en www.amtega.xunta.gal/AgencIAparaGalicIA

Neste sentido, o Goberno autonómico reiterou que agarda que Galicia poida acoller a Axencia Española para Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) no contexto desta aposta polo desenvolvemento das tecnoloxías intelixentes

Fuente: Amtega