Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta incorporará solucións innovadoras baseadas en IA, datos e 5G para mellorar os servizos públicos e a relación coa cidadanía | Gaiástech

A Xunta incorporará solucións innovadoras baseadas en IA, datos e 5G para mellorar os servizos públicos e a relación coa cidadanía

ia-5g
  • Pon en marcha a Estratexia GobTec, que identificará necesidades do sector público autonómico e promoverá o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas en colaboración co ecosistema TIC galego
  • A Xunta conta xa con proxectos en marcha por máis de 4 M€ para desenvolver unha plataforma de datos no eido educativo, un modelo de IA en galego e asistentes virtuais para a xestión dos servizos dixitais

A Xunta lanza a Estratexia do Espazo GobTec Galicia, unha iniciativa para modernizar a Administración autonómica mediante o uso intensivo de tecnoloxías disruptivas en colaboración co ecosistema TIC galego.  O obxectivo desta folla de ruta, aprobada hoxe no Consello do Goberno galego, é incorporar ao funcionamento da Administración solucións innovadoras baseadas en intelixencia artificial, intelixencia do dato, ciberseguridade e 5G para mellorar a toma de decisións, optimizar procesos e ofrecer servizos públicos de calidade.

A Estratexia GobTec configúrase como un modelo no que a Administración actúa como motor da innovación, identificando retos de interese público e promovendo o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que dean resposta a necesidades reais. 

A estratexia establece un proceso estruturado para a implantación destas posibles solucións. En primeiro lugar, a identificación de necesidades do sector público; en segundo lugar, o desenvolvemento de solucións innovadoras, que non existen no mercado, en colaboración con empresas do sector tecnolóxico e centros de coñecemento; e, en terceiro lugar, o desenvolvemento de proxectos piloto para comprobar a validez destas solucións e o seu posterior despregamento a gran escala.

Este enfoque permite testar novas tecnoloxías en contornas reais a través de probas de concepto ou contornas de experimentación tipo sandbox, e comprobar que as solucións sexan eficaces antes da súa implantación definitiva. Ademais, facilita que as iniciativas que realmente dean resposta aos retos formulados poidan escalarse e aplicarse, tanto dentro da Administración como noutros sectores.

A colaboración co ecosistema TIC galego é un dos piares fundamentais da Estratexia GobTec Galicia, que implicará empresas, startups, universidades e centros tecnolóxicos no desenvolvemento das solucións mediante comunidades de innovación, espazos de co-creación e iniciativas de colaboración público-privada. Este modelo permitirá fortalecer o tecido empresarial tecnolóxico, fomentar a innovación e xerar novas oportunidades económicas. Por iso a Estratexia contempla tamén o fomento do talento no sector tecnolóxico con programas de capacitación continua para os profesionais.

Iniciativas en marcha
Para a execución desta estratexia, a Xunta conta xa con dous acordos marco en marcha dos que se licitaron contratos derivados por un importe superior aos 4 millóns de euros,  para o desenvolvemento de tres iniciativas. No ámbito educativo estase a traballar nunha Plataforma de análise e xestión de datos, que permitirá organizar e explotar a información en tempo real para facilitar a toma de decisións máis áxil e precisa. 

Outro dos proxectos é a creación dun modelo avanzado de intelixencia artificial en galego, baseado en software libre, que poderá adaptarse a diferentes usos dentro da Administración, garantindo autonomía tecnolóxica e integración cos sistemas existentes. 

Ademais, está prevista a posta en marcha de asistentes virtuais para mellorar a relación coa cidadanía, como os propios servizos orientados ao persoal empregado público, permitindo unha atención máis rápida, personalizada e multicanle nos servizos dixitais. 

Fuente: Amtega