A Xunta introduce o uso de intelixencia artificial na plataforma tecnolóxica de loita contra os incendios, que é xa un referente en España e Europa
- O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia visitou hoxe o Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais acompañado polo director xeral de Defensa do Monte
- O sistema Xeocode 3.0 consta de ata 16 aplicacións satélite que cobren todos os ámbitos da prevención e extinción de incendios forestais
- O Centro de Coordinación Central dispón de imaxes a tempo real do 85% do territorio de Galicia
A Xunta de Galicia promove o uso da intelixencia artificial para – entre outros posibles usos - a detección de incendios, a cartografía de pistas forestais ou a xestión das alertas ante lumes de especial gravidade e de última xeración. Así o anunciou hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, durante a visita que realizou ao Centro de Coordinación Central de Galicia de Defensa contra os Incendios Forestais. O director da Axencia foi recibido no Centro de Control polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o seu equipo.
As tecnoloxías que empregan intelixencia artificial estanse a introducir para dar novo pulo nos sistemas de información de apoio na xestión en tempo real dos lumes en Galicia, que xa son unha referencia tanto a nivel nacional como europeo. A Xunta optou polo desenvolvemento de sistemas específicos e adaptados ás necesidades do territorio dende unha posición de vangarda. O corazón do sistema e Xeocode 3.0dispón de ata 16 aplicacións satélite que cobren todos os ámbitos de prevención e extinción de incendios.
Estas aplicacións permiten a localización e seguimento dun extenso operativo composto por uns 20 avións de carga e helicópteros propios; 400 medios terrestres, como motobombas, cisternas ou maquinaria pesada; e máis de 7.000 persoas en períodos de alto risco.
Os técnicos que participan nun operativo dispoñen de información en tempo real sobre a xestión do lume no que participan a través de tablets e teléfonos móbiles. Estas utilidades permítenlle, ademais, dispor da información cartográfica, buscar topónimos, localizar por GPD os recursos asignados ou coñecer as mellores rutas de acceso.
O Centro de Coordinación ten acceso á Rede de Vixilancia dos Espazo Forestais de Galicia, que está en proceso de ampliación con 12 novos centros. Esta rede permite manter monitorizadas as zonas con maior risco e vixían máis do 85% do territorio galego.
Tamén se traballa avaliando simuladores que podan axudar a prever a evolución dos incendios forestais en calquera punto da Comunidade en función das propiedades combustibles da masa forestal, das características do terreo e das condicións meteorolóxicas.