Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta moderniza a xestión da rede autonómica de infraestruturas para mellorar a súa eficiencia e garantir a seguridade | Gaiástech

A Xunta moderniza a xestión da rede autonómica de infraestruturas para mellorar a súa eficiencia e garantir a seguridade

drones
  • As actuacións forman parte da estratexia que está a desenvolver a Xunta para a dixitalización e a innovación destes modelos de xestión
  • O novo modelo disporá dun inventario de noiros e xestionará a súa inspección para reducir riscos de desprendementos ou incidentes
  • As actuacións postas en marcha suman un investimento de más de 1,4 millóns de euros ata 2027

A Axencia Galicia de Infraestruturas disporá de novos sistemas tecnolóxicos e coordinados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que permitirán unha xestión integral de todos os trámites relacionados cos estudos e proxectos, o control e o mantemento das obras de paso e noiros e a tramitación de expropiacións para a rede galega de estradas.

O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe sobre a evolución das tres actuacións postas en marcha para dotar de novos sistemas de información a axencia que se encarga de xestionar as infraestruturas viarias. As actuacións forman parte da estratexia que está a desenvolver a Xunta para a dixitalización e innovación, co obxectivo de mellorar a eficacia e a eficiencia destes modelos de xestión.

Os novos sistemas estarán conectados entre si e permitirán un coñecemento integral, que facilitará novas políticas de planificación baseadas en sistemas obxectivos e deseñadas en función do coñecemento actual. Tamén permitirán o uso de novas tecnoloxías de análise e xestión de datos.

As tres actuacións en marcha ata 2027 implican un investimento total de 1,45 millóns de euros, dos que máis de 400.000 son para a Plataforma de xestión integral de estudos e proxectos sobre a rede autonómica de estradas de Galicia, que está en proceso de licitación. Outros 400.000 euros serán para o Sistema de control e mantemento das obras de paso e noiros da rede de estradas de titularidade autonómica. E os 600.000 euros restantes serán para o Sistema de tramitación de expropiacións da rede autonómica de estradas de Galicia.

A Plataforma de xestión integral de estudos e proxectos permitirá a realización e organización de todos os trámites administrativos, ofrecerá unha visión gráfica de información xeográfica e permitirá, tamén, unha análise conxunta grazas á integración de todos os datos e sistemas relacionados.

Pola súa banda, o Sistema de control e mantemento das obras de paso e noiros da rede de estradas de titularidade autonómica facilitará unha xestión máis eficaz das obras adaptada aos requisitos normativos e legais. E contará con ferramentas de administración electrónica da Xunta para mellorar a coordinación e a xestión dos servizos.

Así mesmo, disporá dun inventario de noiros e xestionará a súa inspección para reducir riscos de desprendementos ou incidentes. Xestionará as notificacións de inspeccións pendentes de realizar en noiros e obras de paso, o que facilitará a súa planificación, e acollerá unha aplicación para dispositivos móbiles que facilitará as tarefas de inspección no lugar.

O Sistema de tramitación de expropiacións da rede autonómica de estradas de Galicia mellora a ferramenta web xa existente para xestionar toda a información e os datos relativos a expropiacións. O novo modelo permitirá unha mellor experiencia das persoas usuarias con sistemas máis accesibles e eficientes. Tamén integrará o sistema de pagamentos para facilitar a súa recepción por parte das persoas titulares das parcelas afectadas. As persoas implicadas disporán dun novo modelo de perfil para consultas e a realización de trámites e incluirá novas funcionalidades, como a xestión dos arrendamentos dos predios ou a xestión das expropiacións complementarias non previstas inicialmente.

Fuente: Amtega