Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta ofrece formación gratuíta en competencias dixitais para facilitar a empregabilidade dos galegos e das galegas | Gaiástech

A Xunta ofrece formación gratuíta en competencias dixitais para facilitar a empregabilidade dos galegos e das galegas

comdix
  • Preto de 2.000 cidadáns dispoñen xa do Certificado galego de competencias dixitais (Comdix) que acredita, ante entidades públicas e privadas, os coñecementos e habilidades para utilizar as tecnoloxías dixitais
  • A Administración autonómica convocou no último ano seis probas para a cidadanía nos niveis de iniciación e intermedio a través das aulas CeMIT
  • As persoas interesadas en dispor do certificado Comdix teñen á súa disposición diferentes itinerarios formativos en liña a través plataforma da Rede CeMIT
  • No mes de setembro publicaranse no DOG as novas convocatorias previstas para o último trimestre do ano

O Goberno galego ofrece formación gratuíta en competencias dixitais para facilitarlles aos  galegos e ás galegas o acceso ao mercado laboral. Preto de 2.000 cidadáns dispoñen xa na  Comunidade do Certificado galego de competencias dixitais (Comdix), impulsado pola  Xunta de Galicia e que acredita, ante entidades públicas e privadas, os coñecementos e  habilidades para utilizar as tecnoloxías dixitais.

No último ano a Administración autonómica realizou seis convocatorias dirixidas á  cidadanía para a obtención do Comdix nos niveis de iniciación e intermedio, segundo se  recolle nun balance elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia do  cal foi informado hoxe o Consello da Xunta.  

A estas convocatorias presentouse un total de 2.500 persoas, das cales 1.569 obtiveron o  certificado do nivel de iniciación e 351 persoas o de nivel intermedio. En canto ao perfil das  persoas certificadas, cómpre sinalar que son maioritariamente mulleres nunha franxa de  idade de entre os 45 e os 65 anos. Para este ano están previstas novas convocatorias para  outubro, novembro e decembro, cuxas datas sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia no mes de setembro.  

Formación para o acceso ao Comdix  
Para facilitar a obtención do certificado, a cidadanía ten dispoñibles diferentes itinerarios  formativos a través da plataforma de teleformación da Rede CeMiT, que se poden seguir,  ben en réxime de autoformación, ou ben titorizado, que permiten acceder aos  coñecementos necesarios para a posterior proba de certificación. Ademais, está en marcha  unha nova modalidade, que é o curso titorizado e con avaliación continua, que permitirá a  obtención da acreditación unha vez superado o curso.  

A acreditación dixital da cidadanía apóiase na Rede de aulas CeMIT, tanto para formación  como para a realización das probas presenciais para obter o certificado. Por iso, unha das  medidas previas á apertura das convocatorias foi a formación dos axentes TIC das aulas e  do persoal de entidades colaboradoras coa Rede. Desde 2023, máis de 220 formadores  obtiveron a súa acreditación nos niveis dispoñibles para a cidadanía.

Marco galego de competencias dixitais  
A Xunta de Galicia aprobou en 2021 o Marco galego de competencias dixitais, baseado no  marco europeo e que define os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para o  desenvolvemento dunha sociedade usuaria dos servizos dixitais e crea a certificación  galega en competencias dixitais (Comdix) así como requisitos e procedementos para a súa  obtención.  

O Marco galego de competencias dixitais establece un sistema de aprendizaxe progresiva  con catro niveis, desde iniciación ata especializado, co obxectivo de mellorar a  empregabilidade e a participación na sociedade dixital. 

Fuente: Amtega