A Xunta participa na primeira contorna de probas da Unión Europea para supervisar os sistemas de intelixencia artificial
- Un proxecto para transcribir chamadas de emerxencias ao 112 é un dos 12 seleccionados para o primeiro sandbox asociado ao Regulamento europeo de IA
- A iniciativa galega conta coa participación da Fundación CITIC, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Axencia Galega de Emerxencias, e coa colaboración do Clúster TIC
- A Xunta é a primeira administración pública que participa nunha experiencia piloto para asegurar o correcto cumprimento do Regulamento europeo de IA
Un proxecto que permitirá mellorar a fiabilidade da transcrición de conversas co servizo de emerxencias do 112 de Galicia e recoñecer automaticamente o idioma é un dos seleccionados para participar na primeira contorna de probas de intelixencia artificial da Unión Europea, figura recollida no Regulamento europeo de IA.
Para a configuración deste campo de probas regulatorio(sandbox),o Goberno do Estado escolleu 12 proxectos que incorporan sistemas de intelixencia artificial de alto risco e que afectan ao acceso a servizos públicos esenciais, biometría, emprego, infraestruturas críticas, maquinaria, produtos sanitarios e produtos para diagnose in vitro. A Xunta é a única administración pública implicada nosandboxe, polo tanto, a primeira en participar nunha experiencia piloto deste tipo a nivel europeo.
A tecnoloxía da iniciativa galega será desenvolvida pola Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia (FCITICG), da Universidade da Coruña, e no seu despregamento participarán a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A iniciativa tamén contará coa participación do Clúster TIC de Galicia, que xogará un papel esencial na difusión do coñecemento adquirido entre as empresas tecnolóxicas desta Comunidade
A relevancia deste proxecto radica na súa capacidade para mellorar os resultados da transcrición de audios de baixa calidade, así como a incorporación do inglés a un modelo que xa entende o galego e o castelán. Tamén incorpora un sistema de detección automática do idioma. Estes audios son usados para a verificación de datos nas emerxencias e, en ocasións, tamén con fins xudiciais.
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou a importancia deste proxecto para Galicia porque “o coñecemento de como o Regulamento afectará ao desenvolvemento e posta en marcha de sistemas de IA é o principal valor da participación nesta contorna de probas”. Segundo manifestou, “este coñecemento tamén facilitará que a Xunta poida asegurar un despregamento seguro da IA e, coa implicación do Clúster TIC, reducir as incertezas da empresas”.
Finalmente, Cerviño indicou que a participación nesta experiencia “mantén á nosa Comunidade na vangarda do desenvolvemento, liderado por Europa, dunha intelixencia artificial ética e segura”. Neste sentido, lembrou que Galicia é a primeira rexión europea en dispor dunha lei que garante e ofrece mecanismos para facer valer os dereitos das persoas ante o uso da IA por parte da Administración e tamén é o lugar que acolle a primeira axencia estatal de supervisión de intelixencia artificial que se creou no ámbito europeo.
O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, puxo de manifesto que se trata “dun proxecto totalmente único e novo en España e de enorme interese para aumentar o nivel de eficacia no servizo que se dá no 112”. Araújo considera que “o uso da IA na transcrición de chamadas de voz xera unha eficiencia que se traslada a unha mellor atención, máis concentrada e cunha maior implicación dos operadores nos procedementos e avisos aos medios operativos, o que representa un beneficio para a Administración pública e para o servizo que se lle dá á cidadanía”.
Pola súa banda, o director do CITIC da UDC, Manuel González Penedo, destacou “que o noso proxecto sexa o único galego seleccionado entre as doce propostas a nivel nacional é un reflexo de que Galicia está á vangarda na implementación de solucións innovadoras baseadas en IA. Desde o CITIC levamos anos colaborando coas administracións públicas, e este traballo reforza o noso compromiso co desenvolvemento tecnolóxico aplicado á sociedade. Este proxecto, dirixido por Tiago Manuel Fernández Caramés e eu mesmo, permitirá seguir avanzando na integración da IA en servizos esenciais. Ademais, servirá como base para definir as boas prácticas e o marco normativo que garantirán o seu uso responsable e eficiente”.
As contornas de probas, promovidas polo Regulamento europeo de IA, permitirán a elaboración das guías técnicas baseadas na experiencia para a aplicación desta lexislación de ámbito comunitario que representa un referente mundial.