Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta presentará no IV Encontro CIBER.gal os proxectos para liderar a ciberseguridade no ámbito do transporte | Gaiástech

A Xunta presentará no IV Encontro CIBER.gal os proxectos para liderar a ciberseguridade no ámbito do transporte

cibergal
  • O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal organiza a cuarta edición deste evento de referencias para os días 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura
  • O parque tecnolóxico Tecnópole de Ourense acollerá o 3 de outubro unha xornada sobre ciberseguridade enmarcada no Encontro CIBER.gal, que estará dirixida ao tecido empresarial e enfocada á investigación e innovación
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia prepara a renovación do convenio do Nodo CIBER.gal, que estenderá as iniciativas e traballos deste espazo de colaboración público-privado por un período de catro anos máis

As actuacións enmarcadas no proxecto do Centro de Innovación e Competencia en Ciberseguridade do Programa Retech, no que Galicia lidera o ámbito relacionado co transporte intelixente, será un dos argumentos da IV edición do Encontro do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal. Este evento de referencia sobre seguridade da información terá lugar os vindeiros días 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura, cunha xornada previa o 3 de outubro en Ourense.

O Encontro reunirá a expertos, empresas nacionais e internacionais, entidades locais e á cidadanía, para acordar os retos e oportunidades da seguridade no entorno dixital. Está organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría informática de Galicia (CPEIG).

Entre outros, contará coa participación do experto en ciberseguridade, Chema Alonso, así como de representantes dos socios fundadores do Nodo. Entre eles, atópase o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que traerá á Cidade da Cultura un ‘road show’ e un expositor de ciberseguridade adaptado a todos os públicos. Acollerá actividades como unha ‘escape room’  e áreas de xogos.

O programa do evento estará dirixido tanto a empresas tecnolóxicas como ao tecido empresarial no seu conxunto, así como para empregados públicos, profesionais da ciberseguridade e á sociedade galega.

Ademais, no marco do encontro, o Nodo CIBER.gal organizará unha xornada sobre ciberseguridade o 3 de outubro no Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole, en Ourense. Esta xornada está dirixida ás empresas e ao sector da innovación e investigación tecnolóxicas. O seu obxectivo é achegar ás empresas galegas as últimas tendencias en ciberseguridade. Un dos asuntos principais da xornada serán as iniciativas sobre ciberseguridade no transporte intelixente do proxecto do Centro de Innovación e Competencia en Ciberseguridade do Programa Retech. No centro participan, ademais de Galicia, as comunidades de Cataluña e Valencia.

Así mesmo, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, traballa xa na renovación co convenio do Nodo CIBER.gal, que estenderá a súa vixencia catro anos máis e reforzará o ecosistema xerado ata hoxe, conformado por máis de 50 entidades adheridas.

Fuente: Amtega