Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta promove a formación en administración electrónica para mellorar as competencias dixitais e consolidar unha administracións máis áxil e eficiente | Gaiástech

A Xunta promove a formación en administración electrónica para mellorar as competencias dixitais e consolidar unha administracións máis áxil e eficiente

julian cerviño
  • A directora da EGAP e o director da Amtega inauguraron hoxe unha nova edición do Curso superior de Administración electrónica, convocado pola Escola, en colaboración tamén co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
  • Nun contexto cada vez máis dixital, Sonia Rodríguez-Campos sostivo que a Administración pública non pode ser allea á demanda dunha sociedade que esixe a mesma inmediatez e disponibilidade que atopa noutros ámbitos
  • O director da Amtega destacou que a Xunta ten en marcha o III Plan de Administración e Goberno Dixital

A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, destacou hoxe a Administración electrónica como unha materia clave para o funcionamento áxil e eficiente das nosas administracións.

Durante a inauguración dunha nova edición do Curso superior de Administración electrónica, convocado pola EGAP, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Sonia Rodríguez-Campos subliñou que ao longo das próximas sete semanas de docencia impartirase na Escola unha formación completa, actualizada e de calidade nesta materia, que permitirá mellorar as competencias dixitais e desenvolver con facilidade novos procedementos de traballo, contribuíndo a consolidar unha Administración máis eficaz, eficiente, próxima, transparente e accesible.

“Nun contexto cada vez máis dixital, a Administración pública non pode ser allea á demanda dunha sociedade que esixe a mesma inmediatez e disponibilidade que atopa noutros ámbitos da súa vida grazas á tecnoloxía”, dixo, facendo fincapé na necesidade de dotar ao persoal empregado público das ferramentas necesaria para salvagardar os datos persoais que se almacenan e se transmiten en liña, algo esencial para defender os dereitos da cidadanía.

Ao longo da súa intervención, a directora da EGAP resaltou que a importancia desta formación específica no marco da docencia da Escola reflíctese nunha ampla programación nesta temática dirixida tanto ao persoal administrativo como á cidadanía, a través de iniciativas como Universo EGAP Innova, os e-martes e os cursos superiores en materia de protección de datos e ciberseguridade.

“E o curso que hoxe comeza aborda a Administración dixital desde unha tripla perspectiva xurídica, técnica e práctica, afondando en materias como o réxime xurídico da administración dixital, o funcionamento da sede e o rexistro electrónico, a seguridade da información, a cooperación interadministrativa, a automatización dos procesos ou a licitación e factura electrónica, entre outros temas”, precisou, ao tempo que afirmou que afondar nestes contidos contribuirá a mellorar o servizo.

Actualización permanente de coñecemento

Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, incidiu na importancia da actualización permanente de coñecementos por parte do persoal empregado público nun escenario de cambios moi significativos, tanto nas relacións da cidadanía coa Administración como no propio traballo administrativo.

Así, destacou que a Xunta ten en marcha o III Plan de Administración e Goberno Dixital e está a aplicar un novo modelo de posto de traballo para o persoal empregado público. Entre as novidades, salientou os aspectos relacionados coa xestión dos datos, como a Citizen Data Hub ou as automatizacións de procesos, ademais de resaltar a evolución que está a experimentar a sede electrónica e o desenvolvemento da aplicación para móbiles XuntaEu.

Julián Cerviño recordou que en 2024, a Xunta facilitou mediantecursos a obtención da nova Certificación Galega de Competencias Dixitais por parte das persoas que traballan na Administración. E subliñou tamén que, en 2024, a Xunta puxo en marcha cerca de 120 accións formativas dirixidas a empregados públicos, con preto de 4.000 horas de formación.

Fuente: Amtega