Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta publica en formato aberto os datos do Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia | Gaiástech

A Xunta publica en formato aberto os datos do Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia

mapa
  • Este directorio de axentes tecnolóxicos conta xa con máis de 340 entidades e ofrece información sobre uns 1.400 produtos e servizos e 78 tecnoloxías
  • A publicación destes datos no portal Open Data da Xunta proporciona o acceso a datos clave do sector e permite a súa reutilización
  • Con esta publicación o Centro GaiásTech suma un novo servizo ao seu labor no impulso á transformación dixital do tecido produtivo

O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de publicar en formato aberto os datos do Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia. Este directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas, ofrece información de máis de 340 entidades, arredor de 1.400 produtos e servizos e 78 tecnoloxías.

O obxectivo da publicación desta información, no portal Abert@s da Xunta, é ofrecer á cidadanía e a outras entidades públicas ou privadas a posibilidade de reutilizar estes datos e proporcionar produtos ou servizos de valor engadido. A publicación de datos en formato aberto enmárcase na política de transparencia e de compartir e reutilizar información das administracións públicas.

A información do Mapa de Capacidades Dixitais súmase así aos datos dispoñibles en Abert@s, que constitúen unha valiosa fonte de información aproveitable, tanto pola cidadanía como pola industria de contidos dixitais e outros axentes reutilizadores.

Mapa de Capacidades Dixitais
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un dos servizos que ofrece o centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia co que busca potenciar o ecosistema TIC galego, favorecer as relacións do sector cos restantes sectores produtivos e constituír un escaparate cara ao exterior.

O Mapa está dispoñible na web do GaiásTech e facilita a localización de empresas a través dun completo buscador no que se poden aplicar múltiples filtros e que presenta as entidades, tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa.

Calquera empresa, centro tecnolóxico, universidade, colexio profesional ou asociación interesada pode darse de alta neste directorio, que ten o obxectivo de recoller toda a oferta tecnolóxica da comunidade.

Coa incorporación dos datos do Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia ao portal Abert@s, o GaiásTech suma un novo servizo aos xa dispoñibles: eventos, axenda, boletín, reserva de espazos, equipamento e xemelgo virtual, entre outros.

 
Centro GaiásTech
O Centro GaiásTech, situado na cidade da Cultura, ten como obxectivo contribuír á transformación dixital do tecido produtivo galego favorecendo a xeración de produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. A través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital e a especialización tecnolóxica.