Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta publica a licitación do acordo marco para mobilizar 30 millóns de euros en solucións baseadas en tecnoloxías avanzadas | Gaiástech

A Xunta publica a licitación do acordo marco para mobilizar 30 millóns de euros en solucións baseadas en tecnoloxías avanzadas

prego_acordomarco
  • A plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou o venres a licitación do acordo marco para contratos do sector público galego de servizos que requiran da aplicación de tecnoloxías disruptivas
  • O acordo marco permite a contratación de servizos por un importe global de 30 millóns de euros por parte da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e entidades públicas
  • O acordo marco englóbase no programa GobTech para o impulso de tecnoloxías avanzadas no sector público
  • Os contratos derivados deste acordo marco afrontarán retos identificados na Estratexia Galicia Dixital 2030 para a transformación dixital da Comunidade Autónoma en todos os ámbitos
  • Os 30 millóns de euros deste acordo súmanse aos máis de 118 millóns estimados nos 10 acordos marco publicados no que vai de ano para a transformación dixital de Galicia

A plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación do acordo marco para seleccionar a provedores de tecnoloxías disruptivas, aos que poderán recorrer todos os departamentos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e as entidades públicas.

A convocatoria, que fora aprobada polo Consello de Goberno do pasado día 14 de outubro, establece as bases para o acordo marco de servizos de desenvolvemento de solucións dixitais e a súa implantación que impliquen a introdución de tecnoloxías disruptivas no ámbito do sector público autonómico. O acordo marco permitirá a contratación de servizos por un importe global estimado de 30 millóns de euros.

O acordo marco permitirá á administración afrontar os retos identificados nos 7 eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030 e suporá o desenvolvemento do eixo transversal, que promove a especialización tecnolóxica de Galicia e o reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato ou o 5G.

Este acordo marco forma parte do programa GobTech, que impulsa o uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector público.

Cada un dos contratos terá un valor mínimo de 1 millón de euros e contará cunha fase de proba e demostración e outra de implantación, unha vez demostrada a súa viabilidade.

A fase de proba de concepto, ou piloto incluirá o servizo de desenvolvemento e demostración no que se involucre dunha forma limitada ás potenciais persoas usuarias co obxecto de valorar a súa viabilidade nunha contorna real pero acoutada, e determinarase se pode ser convinte pasalo á fase definitiva.

Unha vez demostrada a viabilidade da proba de concepto ou proxecto piloto evolucionarase o servizo cara á súa implantación definitiva, se se axusta aos criterios de pase a esta fase establecidos anteriormente no contrato derivado, o que implica o despregamento da solución a escala global para a prestación do servizo na contorna real.

Os retos aos que deberán dar resposta os contratos amparados neste acordo marco serán identificados e concretados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Deberán axustarse a algún dos ámbitos que definen os sete eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030: Goberno e Administración Intelixentes; Sociedade Dixital e Inclusiva, Contorna Dixital para a Saúde e o Benestar Social; Territorio Intelixente, Verde e Resiliente; Conectividade Dixital do Territorio: Cultura e Turismo Intelixentes ou Economía Dixital e Sustentable.

Poderán formar parte deste acordo marco un máximo de 10 empresas ou consorcios de empresas, que serán as que obteñan as maiores puntuacións no procedemento de adxudicación. Estas empresas presentarán as propostas para a realización dos contratos baseados, que terán unha duración máxima de tres anos sen posibilidade de prórroga.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia se encargará da xestión dos procedementos de contratación en nome de todas aquelas consellerías e entidades do sector público autonómico que participen no desenvolvemento da estratexia Galicia Dixital 2030 e no acordo marco.

Os contratos poderán ser financiados conxuntamente pola Amtega e os departamentos ou entidades que participen na iniciativa, ou ser financiados na súa totalidade por ditos departamentos ou entidades.

Acordos marco para a transformación dixital

Ao longo de 2021, a Xunta de Galicia convocou 10 acordos marco relacionados co proceso de transformación dixital, que suman uns importes estimados de máis de 118 millóns de euros, aos que haberá que sumar os 30 millóns de euros estimados no acordo aprobado hoxe.

Este instrumento de contratación foi adoptado para contratos relacionados con equipamentos, infraestruturas, plataformas ou ciberseguridade, entre outros. E está previsto para outros aspectos, como a automatización da administración ou os servizos cloud. Os acordos marco son un dos instrumentos impulsados pola Xunta de Galicia para axilizar a contratación pública para a exección dos fondos dos plans de recuperación e resiliencia.