Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta publica unha guía para facilitar a adopción da intelixencia artificial polas administracións públicas | Gaiástech

A Xunta publica unha guía para facilitar a adopción da intelixencia artificial polas administracións públicas

red mundo
  • O documento achega pautas e indicacións que poden ser adoptadas por calquera administración pública de acordo coa súa idiosincrasia
  • Identifica as distintas fases e axentes que interveñen na xestión de proxectos que integran sistemas de IA
  • Aliñada coa normativa europea, a guía busca poñer ao alcance de todas as administracións a capacidade da intelixencia artificial para ofrecer eficiencia, personalización e anticipación en la prestación dos servizos públicos

A Xunta pon a disposición das administracións do sector público galego unha guía facilitar a xestión da intelixencia artificial nas súas organizacións. O documento, aliñado coa normativa europea, identifica as distintas fases e axentes que interveñen na xestión de proxectos que integran sistemas de IA e achega pautas e indicacións, que poden ser adoptadas por calquera administración pública de acordo coa súa idiosincrasia.

O documento, enmarcado nas liñas de actuación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 (EGIA 2030), busca poñer ao alcance de todas as administracións a capacidade da intelixencia artificial para ofrecer eficiencia, personalización e anticipación na prestación dos servizos públicos.

Con este obxectivo, a Guía práctica para a xestión da intelixencia artificial nas administracións públicas explica que é un sistema de IA e as fases do seu ciclo de vida, proporcionando unha visión integral do proceso, destacando as actividades esenciais de cada etapa, ademais de analizar erros comúns que poden xurdir e identificar os roles responsables.

O documento establece como primeiro paso a identificación e avaliación de oportunidades,  establecendo unha área de mellora á que se lle pode dar resposta incorporando un sistema de IA. O segundo paso é o deseño, desenvolvemento e implantación do sistema. A guía detalla todos os pasos de cada fase, así como os axentes que interveñen: desde a persoa delegada da implantación de IA, a comisión de avaliación, o persoal funcional e o persoal tecnolóxico.  

A guía aborda a xestión do ciclo de vida dun sistema de IA como un proceso integral, que permite asegurar que o sistema observa en todo momento as condicións que garanten a súa idoneidade, o seu uso confiable e sustentable no tempo, así como  o cumprimento normativo e os requirimentos éticos asociados a esta tecnoloxía.

Neste sentido a guía, tal e como fixa a normativa europea, considera unha parte central do proceso de deseño e implantación dun sistema de IA, a clasificación do nivel de risco a adopción de medidas coherentes con cada nivel de risco. A identificación clara e continua de riscos, a súa avaliación periódica e a implantación de medidas de resposta son aspectos chave do éxito da adopción desta tecnoloxía por parte do sector público.

A elaboración desta guía enmárcase na Estratexia Galega de Intelixencia artificial 2030, a folla de ruta do Goberno autonómico para o desenvolvemento e a implantación dunha intelixencia artificial ética e fiable, que respecte os valores e normas da rexión e que, ante todo, sirva á cidadanía. Actualmente, estase a tramitar a futura lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia co obxectivo de establecer un marco legal uniforme para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de intelixencia artificial na Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia, así como fixar os principios éticos reitores do deseño, adquisición e implantación dos sistemas de intelixencia artificial en Galicia. 

Fuente: Amtega