A Xunta reclama ao goberno central que recoñeza o dereito do rural galego á telefonía móbil e o declare servizo universal
- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica respondeu hoxe á consulta pública do Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública e achegou as necesidades específicas do territorio galego
- O Goberno galego insiste en que non soamente a telefonía fixa debe seguir sendo considerada servizo universal, senón que é necesario incluír tamén a telefonía móbil
- A Axencia autonómica solicita incrementar a velocidade mínima de conexión a internet ata os 100 Mbps, así como fixar requisitos mínimos de caudal e calidade no servizo de banda ancha universal
- A Xunta reclama unha regulación específica do abono social, que inclúa servicios en mobilidade e de obriga para todos os operadores.
A Xunta de Galicia insistiu hoxe en que, ao menos nos municipios rurais, a telefonía móbil debe ser considerada polo Goberno
do Estado como un servizo universal, para non estar sometido o seu despregamento soamente aos criterios de rendibilidade das operadoras.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentou ao Goberno central as consideracións a ter en conta na futura regulación do servizo universal de telecomunicacións, en resposta á consulta pública aberta polo Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública. Na actualidade están considerados como parte do servizo universal as comunicacións fixas con capacidade de banda larga a unha velocidade mínima de 10 Mbps e os servizos de comunicacións vocais nunha localización fixa.
Como xa fixera en anteriores ocasións, no documento remitido hoxe ao Ministerio, a Xunta volve solicitar que a telefonía móbil de voz e datos sexa incluída no servizo universal, “ao menos nos municipios rurais e noutras zonas xeográficas con características sociais, económicas ou culturais especiais”. Cita como exemplos destas últimas o Camiño de Santiago, os parques naturais ou os grandes acontecementos.
Neste contexto, lembra que “a necesidade de acceso a servizos de emerxencia en calquera situación e o potencial para a dinamización económica do rural fan que os servizos en mobilidade, tanto de datos como de voz, sexan necesarios e imprescindibles”.
A Axencia autonómica sinala na súa resposta que é preciso incrementar a velocidade mínima de conexión ata os 100 Mbps, en liña coa Lei Xeral de Telecomunicacións, tendo en conta o mercado actual e o feito de que o programa UNICO Demanda Rural finaliza en 2027. Así mesmo, considera necesario establecer requisitos mínimos de garantía de caudal e calidade, incluíndo velocidade ascendente, latencia, jitter e perda de paquetes.
Ademais, co marco legal actual, o servizo universal só garante cobertura ás persoas físicas en vivenda habitual. Por iso trasládase tamén a necesidade de incluír as microempresas, pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e organizacións sen ánimo de lucro como beneficiarias do servizo universal con independencia da súa localización.
En relación co abono social, destinado a garantir que os consumidores con rendas baixas ou con necesidades sociais especiais poidan acceder aos servizos básicos de telecomunicacións, a Xunta coincide no interese de establecer esta obriga para todos os operadores e de definir o seu marco legal mediante unha normativa específica. Así mesmo, considérase necesario incluír os servizos en mobilidade de voz e datos entre as opcións do abono social.