A Xunta, a Rede Crusoe e NTT Data crearán unha cátedra para fomentar a docencia, a investigación e a difusión do patrimonio cultural dixital | Gaiástech

A Xunta, a Rede Crusoe e NTT Data crearán unha cátedra para fomentar a docencia, a investigación e a difusión do patrimonio cultural dixital

stellae
  • A Administración autonómica achegará 125.000 euros á iniciativa que contará cun orzamento total de 322.000 euros ata 2025
  • Entre os obxectivos previstos para os vindeiros tres anos está a creación do Observatorio do Patrimonio Cultural Dixital a nivel de eurorrexión
  • Ademais, a Cátedra prevé impartir formación de posgrao con carácter institucional no seno da Red Crusoe e o deseño de programas específicos para promover as vocacións STEM e a capacitación ocupacional
  • Tamén impulsará o emprendemento transdisciplinar en Humanidade e Ciencias Sociais e Tecnoloxía da Información e Comunicación con iniciativas que poñan en valor o patrimonio cultural dixital vinculado ao Camiño
  • Esta iniciativa forma parte do Proxecto Stellae 5.0 para impulsar a transformación dixital do Patrimonio cultural, no que colaboran a Xunta e a Rede Crusoe, e que se enmarca no programa Turismo e Cultura intelixente da Estratexia Galicia Dixital 2030

A Xunta de Galicia, a Conferencia de Reitores Rede Crussoe, e a multinacional NTT Data porán en marcha a Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital. Así se recolle nun convenio, aprobado onte polo Consello da Xunta de Galicia, e que proximamente asinarán a Consellería de Cultura, Formación Profesional e Universidades, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Rede Crussoe e NTT Data.

A Administración autonómica achegará 125.000 euros á iniciativa, que contará cun orzamento total de 322.000 euros ata o ano 2025. A Cátedra estará  vinculada ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), situado na Cidade da Cultura, e busca fomentar a docencia, a investigación e a difusión dos coñecementos no eido do Patrimonio Cultural Dixital, especialmente o vinculado ao Camiño de Santiago.

Actuacións previstas

Con estes obxectivos a folla de ruta para o período 2022-2025 prevé o desenvolvemento de diferentes actuacións como a posta en marcha dun Observatorio do Patrimonio Cultural Dixital para monitorizar a situación e evolución neste ámbito a nivel da eurorrexión e a súa área de influencia. A aposta por promover a investigación de vangarda é outra das actuacións previstas para xerar coñecemento específico que permita a cuantificación, medida e valorización do Patrimonio Cultural Dixital.

En canto á formación e difusión, a Cátedra contempla o desenvolvemento de formación a nivel posgrao (máster e doutoramento) no seo de Rede CRUSOE, con carácter interinstitucional  e  nivel non universitario o deseño de programas  específicos para o fomento vocacións STEM así como iniciativas de formación ocupacional e capacitación profesional en ámbitos non urbanos, con particular atención ao aspecto de igualdade de xénero.

Ademais, impulsarase o emprendemento transdisciplinar en Humanidade e Ciencias Sociais e Tecnoloxía da Información e Comunicación con iniciativas que poñan en valor o patrimonio cultural dixital vinculado ao Camiño ao Camiño de Santiago.

Buscarase a internacionalización con actividades e accións de colaboración, particularmente no ámbito europeo e latinoamericano, facendo foco nas políticas e directrices da Comisión e Parlamento Europeo relacionadas coa transición dixital e o Patrimonio e a súa repercusión noutros sectores como o cultural, educativo, turismo dixital e sustentable, o audiovisual e o hipersector TIC.

Stellae 5.0 e iniciativas de dixitalización

A Cátedra institucional de Patrimonio Cultural Dixital súmase  a outras iniciativas que vén impulsando a  Xunta de Galicia no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030 para converter á Comunidade nunha das rexións intelixentes europeas de referencia en dixitalización. Unha desas iniciativas é Stellae 5.0  Patrimonio Dixital vinculado ao Camiño de Santiago, no que a Administración autonómica colabora coa Rede Crussoe para abordar dun modo integral a preservación, difusión, valorización cultural e patrimonial, así como o impulso da transformación dixital da nova economía.

Así Stellae 5.0 súmase a outras actuacións da Xunta neste ámbito como como o proxecto Memoria Dixital de Galicia, que se alberga nas instalacións da Cidade da Cultura, para dixitalizar documentos e recursos e impulsar o desenvolvemento de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultural; Galiciana con máis de 330.000 obxectos dixitalizados ou Galicia Nomeada, que difunde xunto coa Real Academia Galega máis de 500.000 topónimos e mantén unha canle aberta de participación cidadá.

Fuente: Amtega