Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta traduce ao galego as guías internacionais de boas prácticas para proxectos de software de código aberto dirixidas a empresas e profesionais | Gaiástech

A Xunta traduce ao galego as guías internacionais de boas prácticas para proxectos de software de código aberto dirixidas a empresas e profesionais

generica software
  • A web da corrente internacional InnerSource ofrece xa dous libros en galego sobre modelos e xestión de Proxectos
  • InnerSource Commons é unha iniciativa mundial que trata de achegar ás empresas as boas prácticas nos proxectos de “open source”
  • As traducións enmárcanse nun proxecto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para fomentar o emprego de prácticas InnerSource entre as empresas galegas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de traducir ao galego dous libros de InnerSource Commons sobre como aplicar as boas prácticas dos proxectos de software libre no desenvolvemento de software por parte de empresas e profesionais.

Estes libros, que teñen por título Xestión de proxectos InnerSource e Modelos InnerSource respectivamente, están xa dispoñibles para ler en liña a través da páxina web de InnerSource Commons. Tamén están dispoñibles as fontes no seu repositorio de proxectos, para seren empregadas libremente, xa que están publicados con licenza Creactive Commons BY-SA 4.0.

O obxectivo desta contribución é dispoñer de documentación en galego para fomentar o emprego de prácticas de InnerSource entre as empresas galegas. No caso do libro Xestión de proxectos InnerSource, esta é a primeira tradución que se fai do orixinal en inglés. No caso do libro Modelos InnerSource trátase da cuarta lingua á que se traduce, despois do chinés, o xaponés e o portugués. Isto mostra as potencialidades de publicar contidos mediante licenzas libres, o que permite que se poidan traducir a linguas máis minoritarias e ter así documentación de calidade na nosa lingua.

A corrente Inner Source
O concepto InnerSource engloba a aplicación das boas prácticas dos proxectos de software libre no desenvolvemento de software dentro dunha organización. Está comunmente aceptado que o xeito de desenvolver software nos proxectos de software libre trae consigo moitas vantaxes, que o resultado final é de maior calidade e moito máis innovador que cando se fai seguindo outros modelos máis clásicos.

 
Moitas grandes empresas e entidades están a darse conta das vantaxes que para os seus equipos de desenvolvemento supoñen o adoptar estas boas prácticas dos proxectos de software libre. Isto non implica necesariamente que todo o software que se desenvolve se publique como software libre, de aí o termo inner. No caso de que nun determinado momento se decida publicar algúns destes desenvolvementos cunha licenza libre, o ter seguido as prácticas InnerSource fai que o proceso sexa moito máis sinxelo e case automático.

InnerSource Commons é unha comunidade internacional que trata de difundir estas boas prácticas e a súa aplicación no ámbito empresarial. Esta comunidade esta formada por importantes empresas tanto do mundo da tecnoloxía como de outros sectores, pero que internamente desenvolven o seu propio software. No seu sitio web pódense atopar numerosos recursos para aprender como levar a cabo con éxito un proxecto de InnerSource dentro dunha empresa, na maioría dos casos contado directamente por empresas que xa o teñen levado a cabo con éxito.

Fomento do InnerSource nas empresas galegas
Estas contribucións están enmarcadas dentro dun proxecto que a Amtega está actualmente levando a cabo, e que ten por obxectivo o fomento das prácticas de InnerSource entre as empresas galegas. Para iso, o primeiro dos obxectivos parciais é o de dispoñer de documentación formativa sobre InnerSource en galego. Ademais da tradución destes libros, que cobren os aspectos iniciais para poñer en marcha un proxecto destas características nunha entidade, estase a traballar noutros formatos de documentación formativa que será publicada nos vindeiros meses.

A colaboración e a comunicación constante con InnerSource Commons, a través da Oficina de software libre da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia está axudando a potenciar os recursos que se porán a disposición das empresas galegas a través deste proxecto. Un exemplo máis desta colaboración foi tamén a participación do actual presidente de InnerSource Commons no podcast de Iniciativas sobre Software libre en Galicia Mancomún.

Estas accións enmárcanse dentro do Plan de acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia, dentro do marco da Estratexia Galicia Dixital 2030, e está orientada ao fortalecemento do sector empresarial galego.

Fuente: Amtega