A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destinou máis de 210 millóns en 2024 á transformación dixital e á universalización dos servizos públicos en rede
- A memoria anual da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destaca os avances na Administración electrónica, a conectividade do territorio ou a monitorización da actividade e benestar nas residencia de maiores
- As plataformas de seguridade da Xunta bloquearon ese ano 237 millóns de intentos de ciberataques
- Puxéronse en marcha 59 torres de telecomunicacións nunha actuación excepcional para mellorar en zonas rurais a cobertura móbil e complementar unha dotación que é de competencia estatal
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), integrada na Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta, destinou en 2024 un total de 210,6 millóns de euros á transformación
tecnolóxica da nosa Comunidade e a avanzar na universalización dos servizos públicos dixitais. Son datos que forman parte da memoria anual de actividade que ven de presentar a Axencia autonómica.
A actividade da Amtega centrouse en cinco áreas: a Administración dixital, a universalización dos servizos públicos, a conectividade e seguridade nas infraestruturas, o ecosistema dixital e a especialización tecnolóxica de Galicia, e a capacitación dixital da cidadanía.
Administración dixital
En 2024, a Sede Electrónica habilitou 651 procedementos en convocatorias por vía dixital.
Na actualidade, a práctica totalidade das xestións administrativas poden realizarse a través de internet. Ademais, consolidouse o uso de aplicación para dispositivos móbiles Xunta EU e ampliáronse as súas funcionalidades e utilidades en aspectos como a xestión de carnés e certificados.
A Xunta ampliou tamén os servizos proactivos que se ofrecen de xeito automático dende a Administración dixital, por exemplo no caso da renovación automática das licencias de caza e pesca.
Universalización dos servizos públicos
A Xunta consolidou a universalización de servizos como a Xustiza electrónica, na que o 100% das salas de vistas son xa dixitais e avanzou noutros como a Educación, á que se destinaron 24,6 millóns de euros para a dotación de material tecnolóxico.
A monitorización de parámetros de confort e seguridade para as persoas que viven en residencias de maiores ou persoas con discapacidade progresou coa instalación de 15.239 dispositivos de internet das cousas. Ademais, implantouse o novo sistema de comunicación das persoas residentes coa enfermería en 23 centros.
Outros fitos destacados con respecto aos servizos dixitais son a ampliación nun 20% das persoas usuarias do portal de transporte público BUS.gal e a posta en marcha dun programa piloto para o pago do transporte a través do móbil. Publicouse un novo portal público para o acceso da cidadanía á Plataforma Urbanística de Galicia, integráronse 30 novos sistemas na plataforma Territorio Intelixente e puxéronse en marcha iniciativas como o Sistema de Intelixencia Turística ou Galiciana Semántica.
Conectividade e seguridade nas infraestruturas
A Xunta instalou en 2024 un total de 59 torres de telecomunicacións a través de convenios cos concellos coa participación da Federación Galega de Municipios e Provincias. Isto permitiu dotar de telefonía móbil a 166 poboacións de áreas rurais e illadas. A actuación forma parte dunha iniciativa da Xunta de Galicia para complementar a conectividade, que é competencia do Estado. Para facelo, foi necesaria unha autorización especial da Comisión Europea, que destaca esta acción como exemplo para outras rexións comunitarias.
No ámbito da ciberseguridade, as plataformas de seguridade perimetral da Xunta de Galicia bloquearon en 2024 en torno a 237 millóns de intentos de ataque.
Capacitación dixital da cidadanía e o persoal empregado público
En 2024 convocáronse as primeiras prazas para a obtención do novo Certificado Galego de Competencias Dixitais (COMDIX). Houbo 2.600 prazas convocadas no nivel de iniciación e rexistráronse 1.260 persoas inscritas nos catro cursos de nivel intermedio.
Tamén se crearon e difundiron os contidos formativos. No ámbito da Educación emitíronse 21.000 certificados. En cando ao persoas empregado públicos, 3.362 persoas participaron nos cursos de competencias dixitais convocados pola Xunta.
Ecosistema dixital e especialización tecnolóxica de Galicia
En 2024 elaborouse o proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que foi remitido ao Parlamento e aprobado sen votos en contra. Tamén se aprobou a elaboración do Plan Director do Sector TIC.
O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) publicou 42 informes, entre eles a primeira edición de "O galego nas TIC" e realizou 465 enquisas.