O Centro GaiásTech, xunto ca Amtega, lanzan o programa de webinars Transformatech Sessions no marco do Plan Digitalent | Gaiástech

O Centro GaiásTech, xunto ca Amtega, lanzan o programa de webinars Transformatech Sessions no marco do Plan Digitalent

transformatech
  • No mes de marzo darán comezo os primeiros relatorios sobre tecnoloxías disruptivas.
  • O programa conta con sesións dirixidas a espertar vocacións entre os máis novos e á adaptación de estudantes, titulados e profesionais aos novos perfís dixitais.
  • Con esta iniciativa, son máis de quince as actividades previstas no catálogo do Plan DigiTalent para o primeiro trimestre do ano.

O catálogo de actividades do Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, segue a crecer coa posta en marcha do Programa de Webinars TransformaTech Sessions, unha iniciativa liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O ciclo de webinars arrinca neste primeiro trimestre do 2022 e estenderase ata o mes de outubro de 2022 cun amplo programa de relatorios en continua actualización, contando coa participación dos profesionais expertos das principais empresas tecnolóxicas galegas e dos colexios profesionais do ámbito dixital. 

Ao longo das sesións abordaranse temáticas relacionadas con tecnoloxías disruptivas que teñen grande impacto na sociedade dixital. O Big Data, a ciberseguridade, a intelixencia artificial, o internet das cousas, a robótica ou as tecnoloxías relacionadas coa xestión medioambiental serán algúns dos temas a tratar, con contidos adaptados aos diferentes públicos: rapaces a rapazas ata 16 anos, centros educativos e profesionais, estudantes e titulados tanto afíns a perfís tecnolóxicos como a non tecnolóxicos.

O ciclo de webinars abre xa a súa inscrición aos primeiros relatorios na web do GaiásTech para os máis novos/as. As xornadas están deseñadas nun formato breve e participativo. Con isto, a Amtega busca achegar as novas tendencias tecnolóxicas aos asistentes dun xeito dinámico, xerando espazos nos que os participantes poden interactuar cos relatores para resolver as súas dúbidas e inquedanzas. 

Esta iniciativa súmase ás máis de quince actuacións previstas para o primeiro trimestre do 2022, coas que se segue a poñer o foco na promoción do talento dixital entre a cidadanía ao longo de todas as etapas da súa vida.

Iniciativas dirixidas á infancia e a adolescencia
A Amtega segue a poñer o foco no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas dende idades temperás, onde destacan as actuacións dirixidas a centros educativos. Neste eido, DXC Technology impulsa unha nova edición de DXC Iberia Codes, no que os participantes competirán por parellas empregando a tecnoloxía Scratch para programar un videoxogo de aventuras, este ano baixo a temática da loita contra o cambio climático e a protección da biodiversidade. 

Pola súa banda, Altia Consultores vén de abrir no mes de xaneiro GenTech, un programa de sesións dixitais que buscan inspirar ao alumnado de 12 a 18 anos sobre as profesións tecnolóxicas da man de expertos da compañía. Ademais, a empresa ofrece este curso a posibilidade de que os centros educativos desfruten ata o mes de xuño dunha visita guiada polas instalacións do Data Center de Altia situado en Vigo. 

Este trimestre ven marcado tamén polo lanzamento de talleres de introdución á tecnoloxía LED, ao deseño e impresión 3D e á robótica colaborativa impartidos polos expertos e expertas de Televés e pola apertura de Mentoring Day, co que se busca achegar ao alumnado da ESO e Bacharelato á realidade do mundo laboral acompañados polos profesionais da empresa. 

Estas actividades compleméntanse coa próxima edición do programa Tecnólog@ por un día, na que o estudantado galego volverá a ter a oportunidade de vivir de primeira man unha xornada de traballo no sector TIC de Galicia. 

Fomento dos novos perfís dixitais
Outro dos bloques prioritarios de actuación do Plan é a adaptación dos estudantes e profesionais ás demandas do mercado laboral, co obxectivo de maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional dos galegos e galegas no eido das novas tecnoloxías.

En liña con este eixe estratéxico, Altia, DXC Technology e NTT DATA suman esforzos coa Amtega para  impulsar a formación especializada e achegar a realidade do mundo da empresa á comunidade universitaria e á Formación Profesional nos próximos meses, con iniciativas como Altia FP Dual, AltiaStaging, Altia TechDay, Altia Premia, o Programa UNIQA, o Observatorio DXC ou a celebración de actividades no marco do Foro Tecnolóxico da Universidade de Vigo. 

Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización. 
Consulta a infografía de actividades para máis información.

Fuente: AMTEGA