Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Axencia Española de Protección de Datos e UNICEF España lanzan a campaña "Máis que un móbil" | Gaiástech

A Axencia Española de Protección de Datos e UNICEF España lanzan a campaña "Máis que un móbil"

Más que móbil
  • Esta campaña, incluída no marco das accións de difusión do Pacto Dixital para a Protección das Persoas, ofrece ás familias “a guía que non vén co móbil”, con 10 claves a ter en conta ao regalar aos seus fillos ou fillas un teléfono móbil

    .
  • A iniciativa, liderada pola Axencia Española de Protección de Datos e UNICEF España, conta coa colaboración de Movistar, Orange, Vodafone, Yoigo, Fundación Atresmedia, Mediaset España, RTVE, JC Decaux, Metro de Madrid e EMT Madrid. A campaña será difundida tanto en redes sociais co hashtag #LeDasUnMovilYYa, como nos medios televisivos. 

 

A  Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e UNICEF España lanzaron o pasado 10 de novembro a campaña “Máis que un móbil”.  Esta campaña ten por obxectivo, ofrecer ás familias as claves que deben ter en conta antes e despois de regalarlle un teléfono móbil aos seus fillos e fillas.

A supervisión das familias empeza a diluírse cando se lles regala aos fillos e fillas o seu propio terminal, é por iso que a campaña se centra na idea de que se lles dá un teléfono móbil a un neno ou nena “e xa”, o que pode supoñer unha serie de riscos. A pesar de que os nenos, nenas e adolescentes manexan a tecnoloxía dende unha idade moi temperá, saben moverse polas aplicacións á perfección, descargar contidos, buscar vídeos, navegar…, estas actividades non sempre se levan a cabo cun criterio informado e non sempre son conscientes dos riscos aos que poden expoñerse (envío de fotos comprometidas, ciberacoso, contactos con persoas adultas que se fan pasar por menores, deixar de facer actividades na vida real para estar sempre conectado, etc.).

Segundo os datos do informe de UNICEF España “Impacto da tecnoloxía na adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades”, a idade media para o acceso ao primeiro dispositivo móbil de uso persoal en España ten lugar antes dos 11 anos. O  informe reflicte que o 92,2% dos e as estudantes de 1º e 2º de ESO teñen o seu propio smartphone, case o 95% dos adolescentes dispón de móbil con conexión a Internet e 1 de cada 3 adolescentes fai un uso problemático da internet e as redes sociais.

Ademais, o 42% dos estudantes enquisados para realizar o estudo asegurou recibir algunha vez mensaxes de contido erótico-sexual, 1 de cada 10 recibira unha proposición sexual por parte dun adulto a través de redes sociais, chats, Internet ou videoxogos, e 1 de cada 5 podería estar a sufrir ciberacoso.

Con ‘A guía que non vén co móbil’,  recóllense pautas e consellos para fomentar o diálogo e que as familias participen activamente na educación dos seus fillos e fillas, transmitindo valores e información suficiente para garantir tanto un uso responsable do teléfono móbil como os dereitos dos nenos e as nenas tamén na contorna dixital.

Os colaboradores da campaña da AEPD e UNICEF España reforzan coa súa participación o seu compromiso cos dereitos de nenos, nenas e adolescentes na contorna dixital. Trátase da primeira campaña na que participan de forma conxunta Movistar, Orange, Vodafone e Yoigo, que van incluíla nas pantallas dixitais dos seus puntos de venda, engadirán o código QR para descargar o decálogo de consellos incluídos na guía xunto aos terminais que comercializan e incorporarán os materiais nos seus programas de formación, entre outras. Así mesmo, Atresmedia, Mediaset e RTVE van emitir nas súas respectivas canles o anuncio de servizo público, unha acción que tamén levarán a cabo Movistar Plus e Vodafone TV. Pola súa banda, JC Decaux vai realizar difusión da mesma a través da súa cartelería tanto de rúa como de centros comerciais. Metro de Madrid  e EMT Madrid tamén difundirán a iniciativa nas súas respectivas canles.

Esta iniciativa enmárcase nas accións de difusión do Pacto Dixital para a Protección das Persoas, que agrupa xa a máis de 400 entidades adheridas. A AEPD e UNICEF España tamén van promocionar esta campaña no ámbito educativo e entre institucións, empresas, expertos e divulgadores, que poden converterse en altofalantes da mensaxe e iniciar un camiño que permita manter a nenos, nenas e adolescentes seguros na internet, conscientes dos seus dereitos na contorna dixital e coñecedores das ferramentas e mecanismos de prevención, protección e axuda.