Durante todo o mes de setembro o GaiásTech ofrece actividades orientadas á mocidade
- No mes de setembro, o GaiásTech organiza tres actividades dirixidas á mocidade
- Trátase de dúas actividades en formato obradoiro tecnolóxico e, unha terceira, unha xornada de mentoría sobre as saídas laborais dos estudos STEAM.
- As actividades teñen o obxectivo de fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía
A primeira actividade, titulada "Obradoiros Girl STEAM", levarase a cabo en dúas sesións para agrupar á mocidade asistente por idades. Estes obradoiros céntranse en impulsar o interese polos estudos STEAM desde idades temperás. A través de talleres prácticos, as persoas participantes poderán aprender e experimentar coa tecnoloxía. Nestes talleres, coñecerán o funcionamento das placas micro bit, identificando as súas principais funcións e programándoas con diferentes comandos. Traballarán en grupo na construción e programación dun proxecto utilizando un dos 20 modelos dispoñibles no kit de robótica da Rede CeMIT. Tras superar esta primeira fase, continuarán traballando coa placa na creación dun proxecto libre utilizando materiais reciclados como botellas, cartón, madeira ou tecidos.
Os obradoiros levaranse a cabo o 5 de setembro (para a mocidade de entre 8 e 11 anos) e o 6 de setembro (para rapaces e rapazas de entre 12 e 15 anos). A duración de cada sesión será de 4 horas.
Esta actividade enmárcase nas actividades programadas pola Rede CeMIT, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG).
A segunda actividade, titulada "A aventura que me espera: descubrindo a ciencia e a tecnoloxía" e que se levará a cabo o 27 de setembro, ten como propósito dar a coñecer diferentes roles laborais nos que se combinan a ciencia e a tecnoloxía. Dez mulleres que traballan en diversos campos, incluíndo o académico, administrativo e empresarial, compartirán as súas experiencias. O obxectivo é mostrar as variadas posibilidades que se abren tras obter unha titulación universitaria e destacar que a formación recibida prepara para desafíos que poden non estar directamente relacionados cos contidos estudados. A xornada desenvolverase mediante sesións de mentoría e a través dun diálogo entre estas mulleres e os mozos, pais e nais asistentes, permitindo preguntas e unha conexión directa cos temas discutidos.
Este evento de mentoría enmárcase dentro dun convenio de colaboración entre Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT).
Ambas actividades buscan non só espertar vocacións tecnocientíficas, senón tamén reforzar a confianza dos mozos nas súas capacidades para cursar estudos no ámbito STEAM.
Todas as sesións son de balde, só se precisa inscrición previa en:
- 5 de setembro - Obradoiros Girl STEAM (de 8 a 11 anos): https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/obradoiros-girl-steam-de-8-11-anos
- 6 de setembro - Obradoiros Girl STEAM (de 12 a 15 anos):
https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/obradoiros-girl-steam-de-12-15-anos - 27 de setembro - A aventura que me espera: descubrindo a ciencia e a tecnoloxía: https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/aventura-que-me-espera-descubrindo-ciencia-e-tecnoloxia