Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

As fendas dixitais redúcense en Galicia: O uso de internet no rural xa supera o 90 % e o número de maiores que se conectan á rede creceu máis dun 30 % desde 2021 | Gaiástech

As fendas dixitais redúcense en Galicia: O uso de internet no rural xa supera o 90 % e o número de maiores que se conectan á rede creceu máis dun 30 % desde 2021

ORDENADOR
  • O uso de tecnoloxías dixitais creceu entre 2021 e 2024 un 12,3 % nas persoas de entre 55 e 64 anos, e un 32% nas persoas de entre 65 e 75 anos
  • A porcentaxe de mulleres que usan internet en Galicia segue a superar á dos homes: 94,3% fronte ao 93,5%

Máis do 90% dos fogares de Galicia en poboacións de menos de 5.000 habitantes dispoñen xa de servizos de internetcontratados, un 11,6% máis que en 2021. No caso dos municipios de entre 5.000 e 10.000 habitantes, a porcentaxe elévase ao 93,2 %. As poboacións de máis de 10.000 habitantes superan en todos os casos o 96%. A práctica totalidade dos fogares con estudantes (99,9%) dispoñen de internet, segundo os datos da Memoria Anual do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA), presentada recentemente. O 74,8% das persoas de entre 65 e 74 anos declararon en 2024 que utilizan internet, oque supón un incremento do 32% con respecto aos datos de 2021. 

Tamén foi moi significativo o crecemento no tramo entre os 55 e os 64 anos, que foi dun 12,3% ata chegar ao 93,2%. No resto de idades, a porcentaxe supera en todos os casos o 98%, e é dun 99,7% entre as persas de entre 16 e 24 anos. 

Nos concellos de menos de 5.000 habitantes, internet utilízase principalmente para buscar información sobre bens ou servizos (90,4%); para facer chamadas telefónicas ou vídeo conferencias (89,9%); para ler novas (81,7%); para a banca electrónica (77,9%); ou para concertar citas médicas (64,6%). 

Pola súa parte, as persoas maiores de 65 anos utilizan principalmente internet para facer chamadas ou vídeo chamadas (86,9%); para buscar información sobre bens ou servizos(79,1%); para ler novas (74,5%); para a banca electrónica (61,7%); ou para concertar citas médicas (53%).

Reducir as fendas provocadas polo envellecemento da poboación e o carácter rural da rexión son obxectivos prioritarios do proceso de modernización tecnolóxica de Galicia. En ambos casos, o OSIMGA realiza estudos periódicos para analizar a evolución no uso de internet que mostran unha tendencia clara á superación das diferenzas. No caso da fenda de xénero, en Galicia, a porcentaxe de mulleres que utilizan internet (94,3%), supera á dos homes (93,5%).

Fuente: Amtega