Nova edición de Navega con Rumbo, programa da Xunta de Galicia para fortalecer a seguridade dixital dos menores e das familias | Gaiástech

Nova edición de Navega con Rumbo, programa da Xunta de Galicia para fortalecer a seguridade dixital dos menores e das familias

Navega con Rumbo
  • Navega con rumbo” é un programa encamiñado por unha banda ao alumnado, para guialos cara unha navegación segura, e por outra, para o profesorado e familias facéndoos partícipes das recomendacións que eles poden aprender e converténdoos en transmisores de boas prácticas para os menores e adolescentes.
  • O CPEIG, entidade adherida a CIBER.gal, realizará xornadas divulgativas, destinadas a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) dos centros seleccionados.
  • Organizaranse 240 xornadas, dunha hora de duración, durante o curso escolar 2021-2022.

“Navega con rumbo” é un programa encamiñado, por unha banda ao alumnado para guialos cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede, e por outra, para o profesorado e familias, facéndoos partícipes das recomendacións que eles poden aprender de xeito que sexan transmisores de boas prácticas aos menores e adolescentes. 

Os centros educativos galegos volverán contar este ano co programa Navega con rumbo, que pretende guiar aos mozos nunha navegación segura na internet de maneira útil e responsable, á vez que tamén se lle facilitan ferramentas aos docentes para uso didáctico na aula. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG), entidade oficialmente adherida ao nodo CIBER.gal.

Este programa púxose en marcha en Galicia o curso 2010-11, e está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030. Con esta, son xa dez edicións da iniciativa.

Especialistas do Colexio de Enxeñería Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en 240 centros educativos galegos. Nestas xornadas abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e  ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais. Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e aos pais e nais na medida en que se poidan converter en  transmisores de boas prácticas para os mozos.

A iniciativa conta tamén cunha web propia https://www.edu.xunta.gal/navegaconrumbo, onde está dispoñible toda a información do proxecto.

Dende que se puxo en marcha, a través do Navega con Rumbo leváronse a cabo máis de 1.800 accións formativas nas que participaron ao redor de 100 centros educativos en cada edición.