O Centro GaiásTech reúne a máis de 100 empresas do tecido tecnolóxico galego no evento “O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando.”
- O evento celebrouse o martes 28 de febreiro no edificio do Museo da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
- O evento foi inaugurado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño.
- Durante toda a xornada celebráronse 5 mesas redondas sobre tecnoloxías disruptivas para ver as aplicacións ao tecido empresarial.
O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, celebrou o martes 28 de febreiro o evento “O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando”.
O evento, inaugurado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, centrou a súa programación na celebración de cinco mesas sobre Blockchain, Big Data, Internet das Cousas (IoT), Intelixencia Artificial e Realidade Virtual.
Cada mesa estivo composta por un moderador e tres relatores de relevancia e referencia a nivel estatal en cada unha das tecnoloxías disruptivas. Así, a mesa de Blockchain estivo composta polas empresas Blockchain Aragón, Staxe.io, Blockimpulse e Septer. Na mesa de Big Data participaron Uría Menéndez, Centro Tecnolóxico Gradiant, Grupo de Investigación MIDAS e GMV. A mesa de Internet das Cousas (IoT) estivo composta por o Nodo 5G de Galicia, Innogando, Monet Viticultura e Retegal. Para por en valor a Intelixencia Artificial, asistiron DIH DATAlife, Microsoft España, Logicmelt Technologies e o Citius. E por último, a mesa de Realidade Virtual estivo representada por EONESIA, Xoia Extending Reality, Këndra e Tecalis.
O encontro, que se celebrou co obxectivo de analizar a aplicabilidade de cada tecnoloxía no día a día das empresas, acolleu a máis de 100 asistentes representantes do tecido tecnolóxico galego que tiveron a oportunidade de coñecer da man de expertos de cada tecnoloxía a posible aplicación das mesmas con exemplos baseados en casos de uso concretos.
O director da Axencia autonómica destacou que a importancia das tecnoloxías disruptivas queda reflectida na Estratexia Galicia Dixital 2030 (EDG2030), “cuxo eixo transversal é afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia, incrementando as nosas capacidades en torno ás novas tecnoloxías disruptivas e favorecer a súa adopción polos distintos sectores produtivos”.
Neste eixo estratéxico e disruptivo, durante o evento fíxose fincapé nas vantaxes da trazabilidade con Blockchain na dixitalización das empresas, en como favorece o Big Data no análise de datos a gran escala no sector saúde, a importancia da sensorización do sector gandeiro e vitivinícola grazas ao Internet das Cousas (IoT), a relevancia de aplicar servizos de Intelixencia Artificial fiable e confiable nas empresas e as melloras que pode ofrecer a aplicación dunha contorna virtual na formación e prevención de riscos dos empregados grazas a Realidade Virtual.