Preto de 31.000 profesores duns 1.400 centros educativos recibirán formación dixital ata 2024 | Gaiástech

Preto de 31.000 profesores duns 1.400 centros educativos recibirán formación dixital ata 2024

docentes

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, debullou esta semana os detalles do proxecto actual de dixitalización educativa impulsado dende o Executivo central, unha estratexia que se vai materializar, na nosa terra, na transferencia de 18 millóns de euros. Con esta contía formarase en novas tecnoloxías ao profesorado: preto de 31.000 docentes. Esta contía súmase aos 727.558 euros que a comunidade recibiu con cargo a 2021. Os fondos están destinados a financiar o programa #CompDigEdu, no marco do Plan Nacional de Capacidades Dixitais do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

“A competencia dixital dos docentes é un elemento esencial na transformación do sistema educativo do noso país”, manifestou o delegado, e engadiu que “a educación pública de calidade é fundamental para garantir a igualdade de oportunidades e para dar acceso á mocidade a empregos dignos”.

O programa #CompDigEdu prevé formar a un total de 30.930 profesores e profesoras de 1.393 centros educativos en Galicia no período 2021-2024 no que se desenvolverá por completo. Ademais, marca como fito intermedio chegar a 16.344 docentes de 697 centros da comunidade ao final do curso que vén, segundo as cifras manexadas na Conferencia Sectorial de Educación do pasado xuño.

A través deste programa, o Ministerio de Educación e Formación Profesional promove os seguintes obxectivos:

  • Lograr que todos os centros dispoñan dun plan dixital integrado no seu proxecto educativo que estruture as estratexias organizativas e académicas emprendidas de forma colectiva para a transformación do centro nunha organización educativa dixitalmente competente.
  • Facilitar que o profesorado acredite o desenvolvemento da súa competencia dixital a través de actividades formativas certificadas.
  • Acreditar o grao de competencia dixital do profesorado.

As accións formativas perseguen tanto a formación individual dos docentes, como a transformación dos centros en organizacións educativas dixitalmente competentes. O Ministerio de Educación realizará o seguimento e control da aplicación dos créditos, con obxecto de comprobar o destino específico para o que foron transferidos e a súa idónea execución

Fuente: Codigo Cero