A sexta edición do programa ¨Tecnólog@ por un día¨ ofrece máis de 50 prazas para o alumnado de 12 a 17 anos | Gaiástech

A sexta edición do programa ¨Tecnólog@ por un día¨ ofrece máis de 50 prazas para o alumnado de 12 a 17 anos

clase
  • Ata o vindeiro 1 de abril o persoal docente dos centros educativos pode inscribir ao alumnado interesado en participar nesta iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
  • Durante os meses de abril e maio as empresas tecnolóxicas que colaboran coa iniciativa acollerán aos participantes durante unha xornada de traballo
  • Esta actuación forma parte do catálogo de actividades do Plan DigiTalent dirixidas á infancia e a adolescencia do curso 2021/2022
  • Continúa aberto o período de inscrición dos webinars TransformaTech Sessions sobre tecnoloxías disruptivas
     

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de lanzar unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que ofrece ao alumnado de 12 a 17 anos a oportunidade de compartir unha xornada de traballo nunha empresa tecnolóxica. O obxectivo da esta actividade é continuar mellorando a visión que os máis novos e novas teñen das profesións científico-tecnolóxicas.

Dende hoxe e ata o próximo 1 de abril, o persoal docente pode inscribir ao alumnado interesado en participar na actividade, optando a unha das máis de 50 prazas dispoñibles para visitar durante unha xornada as instalacións das empresas TIC colaboradoras ou a sede da Amtega no GaiásTech.

A implicación dos docentes, chave no marco do programa
Os docentes poden cumprimentar as solicitudes de inscrición a través do formulario dispoñible no espazo web DigiTalent. Ademais, a mesma web ten dispoñible toda a documentación de referencia e consulta para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras aclaren calquera dúbida que poidan ter sobre a actuación, así como a listaxe de prazas ofertadas para cada grupo de idade por cada entidade participante no programa e a súa localización.

Sexta edición
Con esta nova quenda, Tecnólog@ por un día acada xa seis edicións e consolídase ano tras a ano como unha das actividades de referencia do catálogo de actuacións do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent.

Con esta iniciativa a Axencia segue a ofrecer ao alumnado de secundaria e bacharelato unha oportunidade única de mergullarse no sector tecnolóxico galego. Os participantes poderán visitar as empresas que colaboran coa iniciativa e experimentar en primeira persoa como se desenvolve unha xornada de traballo real no sector TIC de Galicia.

A través destas sesións inmersivas, o alumnado explorará os proxectos que se están a desenvolver e as ferramentas e os coñecementos que o persoal experto emprega no seu día a día. Deste modo, os participantes coñecerán dun xeito práctico as capacidades e habilidades necesarias para incorporarse ao sector, contribuíndo a resolver as súas inquedanzas vocacionais.

Xornada nos centros de traballo
Tras a finalización do período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo en función das preferencias do alumnado indicadas no formulario de inscrición. A partir deste momento, as prazas asignadas e as prazas de reserva comunicaranse aos docentes responsables así como ás empresas colaboradoras. Serán estas últimas ás que se poñan en contacto co alumnado para concretar a data e o horario da celebración das xornadas e comunicar calquera outra información que poida resultar de utilidade aos participantes.

Así, durante abril e maio, Aldaba, Altia, Bahía Software, Dos Espacios, NTT Data, Quobis, R, Stratesys Technology e a propia Amtega acollerán ao alumnado nos seus centros de traballo. Os rapaces e rapazas visitarán as súas instalacións e participarán nas diferentes actividades que os profesionais teñen programadas para a xornada, como reunións de equipo, visitas aos clientes ou comidas de traballo.

Webinars TransformaTech Sessions
Por outra banda e no marco do Plan DigiTalent continúa aberto o período de inscricións dos Webinars TranformaTech Sessions, un programa de encontros virtuais no que se exploran temáticas relacionadas con tecnoloxías disruptivas como a Intelixencia Artificial, o Big Data, os servizos cloud ou a ciberseguridade da man de expertos e expertas na materia.

Toda a información de detalle sobre esta e outras iniciativas do Plan DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent e na web do Gaiástech.