Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Unhas xornadas formativas achegan as aplicacións prácticas da intelixencia artificial | Gaiástech

Unhas xornadas formativas achegan as aplicacións prácticas da intelixencia artificial

curso IA

A Intelixencia Artificial no día a día é o título das xornadas formativas, impulsadas polo Nodo Galicia Intelixencia Artificial, para achegar as vantaxes da IA á cidadanía. Destinadas a persoas maiores de 55 anos estas sesións terán lugar de xeito presencial nas aulas CeMIT de Vigo e A Coruña os días 20 e 23 de setembro respectivamente, e o día 29 retransmitirase en streaming desde o Centro GaiásTech da Cidade da Cultura.

O obxectivo desta formación é analizar as nocións e características básicas da Intelixencia artificial, o seu impacto no día a día das persoas e visibilizar as súas vantaxes a través de casos de uso a un público que non ten coñecementos específicos na materia. As sesións estrutúranse en cinco bloques, un introdutorio para contextualizar a IA na evolución tecnolóxica dos últimos anos e como este cambio de paradigma afecta ao día a día das persoas. Ademais, abordarase un diálogo cos asistentes formulando preguntas sobre o emprego da IA na vida cotiá para rematar cunha explicación teórica sobre esta tecnoloxía.
No segundo bloque afondarase no día a día das tecnoloxías intelixentes, expoñendo a súa contribución á sociedade, casos prácticos de uso, identificación de barreiras e riscos e posible evolución desta tecnoloxía.

A parte máis práctica concéntrase no terceiro bloque no que os asistentes poderán adquirir as competencias necesarias para o uso de ferramentas que empregan IA como o móbil, os asistentes persoais, os tradutores instantáneos ou a xeración de imaxes a través de palabras.

O cuarto bloque está destinado á regulación da Intelixencia artificial que se centrará en porqué é necesaria a regulación e cal é o enfoque normativo e regulador da Unión Europea, Goberno de España e Comunidade Autónoma, que está a avanzar neste sentido. Finalmente, o peche da sesión servirá para resolver dúbidas e inquietudes dos asistentes a través dun formulario interactivo.

Fuente: Codigo Cero