A Xunta actualiza a Estratexia Galicia Dixital 2030 cunha vintena de medidas que amplían os obxectivos marcados no inicio da década
- Adapta a folla de ruta ás exixencias dos cambios normativos, estratéxicos e tecnolóxicos dos últimos anos
- Prevé novas iniciativas, como a posta en marcha da Estratexia galega do dato, do Plan rexional para a promoción da IA ou un programa de acompañamento ao investimento TIC
- Tras cumprir 8 das 13 metas en tres anos, márcanse retos máis ambiciosos para 2030
- Establece que o 100% dos galegos teñan conexión de 100Mbps, que o 96% teñan competencias dixitais, que o 90% das empresas empreguen a administración electrónica ou que a venda en liña estea presente no 50% do tecido empresarial
- Incorpora novos obxectivos, como que o 45% das empresas faga uso da IA ou que a contribución do sector TIC galego ao PIB supere o 3%
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, actualizou a Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) para adaptala aos cambios normativos, estratéxicos e tecnolóxicos, tanto a nivel nacional como europeo, que se produciron desde a súa aprobación en decembro de 2020. O proceso de análise e actualización, do que foi informado hoxe o Consello da Xunta, deu como resultado unha redefinición de retos, preto dunha vintena de novas iniciativas e a ampliación dos obxectivos marcados inicialmente.
As medidas propostas artéllanse en torno a catro áreas: gobernanza tecnolóxica, proxectos tractores, empresas e cidadanía. Respecto da primeira das áreas, a actualización da EGD2030 prevé establecer un marco de gobernanza TIC sustentable que dea prioridade aos investimentos en tecnoloxía con impacto no longo prazo; o reforzo da ciberseguridade cun novo modelo de xestión de crises e un protocolo de comunicación de ciberincidentes para a Xunta de Galicia; a posta en marcha da Estratexia galega do dato para optimizar a toma de decisións e o deseño de políticas públicas, así como a elaboración dun Plan rexional para a promoción da intelixencia artificial.
No ámbito dos proxectos tractores, implementarase o Xemelgo dixital da rexión, que permitirá a simulación de escenarios para unha mellor xestión do territorio; avanzarase cara a unha Administración 100% dixital, universalizando o acceso en liña ás xestións e trámites; promoverase a colaboración no Plan director do sector TIC e impulsarase a candidatura galega para acoller a sede dunha das factorías de IA previstas pola Comisión Europea.
No ámbito das empresas, desenvolveranse programas de formación especializada en tecnoloxías avanzadas para potenciar o talento dixital; adoptaranse medidas para atraer investimento ao sector TIC e potenciarase unha canle de atención integral a través da Oficina Económica de Galicia. Ademais, impulsarase a dixitalización empresarial dos distintos sectores produtivos.
En canto á cidadanía, impulsarase a capacitación dixital; evolucionarase a Carpeta cidadá da sede electrónica; promoverase unha atención a través de múltiples canles e porase en marcha un Pacto polos dereitos dixitais, un compromiso conxunto entre a Administración e a sociedade civil para asegurar a protección dos dereitos e liberdades das persoas no contorno dixital.
Obxectivos
Tras cumprir, en tres anos, 8 das 13 metas establecidas na EGD2030, reformúlanse os obxectivos marcados para 2030 e incorpóranse outros novos. Así, para 2030 márcase como meta que o 100% da poboación dispoña de cobertura de máis de 100Mbps, que o 96% das persoas conten con competencias dixitais e que, cando menos, o 50% sexan mulleres; que máis do 94% dos galegos e galegas merquen en liña; que o 77,6% das persoas e o 90% das empresas realicen as súas xestións coa Administración en liña, ou que o 35% das empresas tecnolóxicas conten con especialistas en ciberseguridade, IA ou datos.
Entre os novos obxectivos que incorpora a EGD2030, está o de que as empresas que empregan BIG Data superen o 25% e as que empregan IA acaden o 45%; que a contribución do sector TIC ao PIB galego supere o 3% e que a porcentaxe de persoas cun elevado nivel de confianza na internet acade o 22,4%.
Actuacións acadadas
Entre os fitos e actuacións levados a cabo durante estes tres primeiros anos da Estratexia destacan a posta en marcha do III Plan de Administración e Goberno dixital, que posibilitou, por exemplo, a implantación do posto dixital avanzado do empregado público ou que a Chave 365 acadase o millón e medio de usuarios.
Tamén se aprobaron o Marco galego de competencias dixitais e o certificado ComDix que acredita esas competencias e se reformou e ampliou a Rede de aulas CeMIT da Comunidade. Acadouse que o 70% do territorio galego estea cuberto pola rede de vixilancia de espazos forestais e logrouse que o 94,2% dos fogares galegos conten cunha conexión de banda larga. Entre as actuacións avanzadas, o proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia está xa no Parlamento, só pendente da súa aprobación definitiva.
A EGD2030 foi concibida como un marco vivo e aberto, baseado nun modelo de vixilancia e medición de resultados que permita adaptar as súas medidas á evolución social, económica e tecnolóxica de Galicia.