A Xunta ofrece ás pemes galegas asesoramento especializado en tecnoloxía dixital innovadora para mellorar a sua competitividade
- Pon en marcha o programa ReactivaTEC, que facilitará a pequenas e medianas empresas servizos en materia de ciberseguridade, Big Data, na implantación de recursos para a captación e fidelización de clientes ou de solucións de software libre
- O Consello da Xunta autorizou hoxe a licitación destes servizos por un valor estimado de 5 millóns de euros, cofinanciados nun 60 % con fondos Feder
A Xunta pon en marcha o programa ReactivaTEC, que ofrece ás pequenas e medianas empresas galegas un catálogo de servizos de asesoramento especializado sobre innovación tecnolóxica dixital para mellorar a súa competitividade. O Consello do Goberno galego aprobou hoxe a licitación destes servizos, que prestarán empresas tecnolóxicas.
O contrato, cun valor estimado de máis de 5 millóns de euros e cofinanciado nun 60 % con cargo ao programa Feder 2021-2027, permitirá ofrecer durante 30 meses, prorrogable outros 30, ata 700 asesorías de innovación tecnolóxica dixital a pemes galegas, que representan o 96 % do tecido empresarial da comunidade.
O ReactivaTEC ofrece cinco servizos desde unha perspectiva tecnolóxica, dixital e innovadora, que abranguen a diagnose sobre o grao de innovación tecnolóxica da empresa e a identificación de solucións dixitais; a definición e implantación dunha estratexia de ciberseguridade; a dixitalización de procesos a través da aplicación de Big Data; a introdución de solucións innovadoras para a captación, relación e fidelización de clientes e o emprego de solucións baseadas en software libre. A previsión é que estes servizos estean dispoñibles no segundo semestre do ano e que a duración máxima de cada un sexa de sete meses.
A posta en marcha do ReactivaTEC enmárcase nas actuacións da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030), que busca impulsar a transformación dixital do tecido produtivo galego e aposta pola especialización tecnolóxica de Galicia con medidas para facilitar a adopción das tecnoloxías innovadoras por parte das empresas. Para o final da década, a EDG2030 establece entre as súas metas que as empresas que empregan Big Data superen o 25 % e as que empregan IA acaden o 45 %.