Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta reforza a formación en competencias dixitais dos empregados públicos | Gaiástech

A Xunta reforza a formación en competencias dixitais dos empregados públicos

edap
  • O Curso superior de Administración electrónica, promovido pola Escola Galega de Administración Pública e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, formará a 70 persoas sobre o desenvolvemento normativo que regula a administración dixital e as súas ferramentas

Esta mañá deu inicio o Curso superior de Administración electrónica, unha actividade deseñada para reforzar a formación en competencias dixitais do persoal empregado público galego.
 
Este curso, convocado pola Escola Galega de Administración Pública e en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, formará a 70 persoas sobre o desenvolvemento normativo que regula a administración dixital e as súas ferramentas.
 
O obxectivo é mellorar as competencias dos empregados públicos nesta materia, para que poidan asumir con facilidade novos procedementos de traballo e conseguir unha Administración máis eficiente, transparente e accesible.
Así o expresou a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, durante a inauguración da actividade, na que tamén incidiu no elevado peso que ten a formación en competencias dixitais dentro dos plans formativos da Escola, a cal conta cunha ampla programación nesta área, tanto para o persoal das administracións como para a cidadanía. Neste senso, destacou os e-martes, xornadas de formación práctica presencial dun día de duración sobre as transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da administración electrónica que se convocan de xeito frecuente.
 
Durante as sete semanas de docencia, o curso superior iniciado hoxe afondará en materias específicas como o réxime xurídico da administración dixital, o funcionamento da sede e o rexistro electrónicos, a seguridade da información, a cooperación interadministrativa, a automatización dos procesos ou a identidade dixital, entre outros. Todos estes contidos contribuirán a mellorar o servizo ofrecido polo persoal empregado público á cidadanía.

Fuente: Amtega