Nodo de Intelixencia Artificial

A continuación desenvólvese cada un deles.
Ámbito económico.
A aplicación de IA nos procesos das actividades produtivas e de servizos representará un salto cualitativo no crecemento das economías nacionais e supranacionais. Neste sentido, debe deseñarse de que maneira as institucións poden axudar ás empresas, grandes e pequenas, a utilizar estas ferramentas e competir nun mundo global, facilitando a investigación, a innovación e a explotación da IA.
Ámbito educativo.
É necesario abordar novas fórmulas educativas para o conxunto da sociedade, especialmente para as novas xeracións. A cidadanía debe entender o funcionamento dos procesos algorítmicos para poder comprender a súa interrelación diaria coa IA e poder tomar decisións informadas. Ademais, é importante considerar aproximacións educativas á IA non meramente desde o campo técnico, senón tamén desde as ciencias sociais, políticas ou económicas, as humanidades, as artes, etc.
Ámbito laboral.
Un dos grandes interrogantes deste proceso é o grao de automatización dos procesos produtivos. A robotización crecente non só afecta o sector industrial, tamén ao dos servizos. Deben asegurarse ferramentas para garantir unha transición no mercado de traballo que poida cubrir a demanda de forza laboral procedente de sectores automatizados.
Ámbito legal.
A proliferación de sistemas autónomos ou semiautónomos, dirixidos por algoritmos de IA, como é o caso dos coches autónomos, provoca dúbidas sobre a determinación da responsabilidade no caso de que os resultados sexan daniños ou infrinxan as normas. Cuestións como quen é responsable de efectos indesexados nunha operación algorítmica (o deseñador, o propietario do algorítmico ou a empresa que o aplica ao seu negocio) deben determinarse para asegurar a seguridade da aposta pola IA.
Ámbito político e democrático.
As plataformas dixitais convertéronse en infraestruturas públicas onde a cidadanía se informa, opina e decide respecto a debates públicos e institucionais. As técnicas de IA demostraron ser unha ferramenta poderosa para modificar o curso de acontecementos políticos como, por exemplo, referendos ou eleccións. As sociedades deben prestar especial atención ao efecto público de contidos automatizados que poden ser, cada vez máis, modificados ou mesmo creados por algoritmos.
Ámbito social.
Parte do desenvolvemento acelerado da IA nos últimos anos é debido á proliferación de servizos dixitais utilizados por miles de millóns de persoas. A cidadanía, a través da súa actividade, é xeradora de grandes cantidades de datos sobre a súa actividade, os seus gustos, patróns de vida, as súas relacións, opinións e sentimentos. Con todo, existe un descoñecemento profundo por parte desta cidadanía sobre como funcionan estes sistemas e da utilización que se fai dos seus datos, converténdoos a miúdo en consumidores e xeradores desta tecnoloxía sen pleno coñecemento.
Galicia debe camiñar cara a unha coordinación integrada e coherente de todos os axentes do ecosistema que permita abordar os impactos e oportunidades que ofrece a adopción da intelixencia artificial.